Presentouse no Concello de Ourense a carreira solidaria que terá lugar polo paseo peonil do río Miño o vindeiro 2 de outubro.
Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; Mario Guede, concelleiro de Deportes; o ex xogador de baloncesto Antonio Llorente, por parte da Fundación Real Madrid; e Rosendo Fernández, representando a Deputación Provincial; así como representantes da empresa organizadora e patrocinadores.
Jesús Vázquez agradeceu a iniciativa da organización e a súa elección da nosa cidade para acoller a primeira das catro carreiras que realizará en España a Fundación Real Madrid Running (as seguintes serán en Alhaurín de la Torre, Murcia e Madrid).
Os beneficios destinaranse aos programas de atención á diversidade que desenvolve por todo o mundo. A actividade chega a Ourense coa colaboración do Concello e a Deputación, e o patrocinio de entidades como Orange e Endesa.
Inscricións
As inscricións estarán abertas ata o 29 de setembro ás 23:59 horas. A recollida de dorsais será o 1 de outubro, sábado, de 10:00 a 20:00 horas no Pavillón de Deportes dos Remedios. A inscrición pode realizarse na web oficial do evento www.runningfundacionrealmadrid.es.
Prezo
O prezo de inscrición é 10 euros (inclúe un dorsal, chip, seguro, camiseta, chaveiro e pulseira). Tamén haberá inscrición con dorsal premium, cun custe de 25 euros e que suma dentro do kit unha gorra do circuíto, calcetíns e camiseta técnica da marca Adidas. Para a categoría infantil (menores de 16 anos), a inscrición custa 5 euros, e inclúe camiseta da carreira, seguro, avituallamento, pulseira e bolsa de corredor.
Percorrido
A carreira percorrerá 9,2 quilómetros na categoría de adultos, desde a Ponte Vella ata a pasarela de Outariz. Para os cativos, haberá tres carreiras diferentes: os pitufos (nados no ano 2010 e posteriores) correrán 100 metros, os benxamíns e alevíns (de 2005 a 2009) correrán 1.500, desde a Ponte Vella ata a pasarela do centro comercial. Infantís e cadetes (de 2001 a 2004) correrán 3.000 metros, dando dúas voltas ao percorrido anterior.