As socialistas Carmen Rodríguez e Concha García veñen de denunciar a situación “crítica” dos servizos sociais no Concello de Ourense e culpabilizan da mesma a Jesús Vázquez e Sofía Godoy.
Carmen Rodríguez afirmou que “a xestión das axudas escolares para este ano foi desastrosa, xa que iniciado o curso en infantil e primaria aínda están por publicar as resolucións provisionais, e é probable que se demore a situación ata o mes que vén”. Rodríguez puxo como exemplo do anterior goberno socialista que deixou as axudas escolares convocadas o 2 de abril de 2015, considerando a prioridade e urxencia destas axudas para as familias con escasos recursos económicos.
Concha García iniciou a súa intervención recordando que “Jesús Vázquez comezou a lexislatura afirmando que “vamos a recuperar a normalidade” para calificala dunha estratexia para “postergar tarefas, eludir responsablidades e paralizar totalmente á área de Benestar Social municipal”.
Outras denuncias
Así mesmo, dende o PSOE pregútnanse “por que aínda non está resolto o novo concurso para a adxudicación do servizo de axuda a domicilio, e por que a empresa con maior puntuación renunciou ao contrato”.
En canto ao Plan de Infancia, reclaman que pese a que o PP encargoullo a unha empresa privada en febreiro, a estas alturas “non hai borrador nin hai plan”. Unha queixa de paralización por parte do goberno á que suman a mellora do Plan de Familias Monoparentais; a cesión da Unidade de Saúde Mental A Ponte para utilizar como anexo ao Centro Cívico da Ponte (aprobada en pleno en febreiro); a posta en marcha do programa “Ourense Integra” para persoas en risco de exclusión; e a reforma das instalacións de Progape (prometida polo PP dende setembro de 2015).
Como consecuencia, os socialistas esixirán ao goberno do PP “un compromiso claro e decidido para que Ourense siga a ser unha cidade de referencia en políticas sociais de toda Galicia”, como o era, segundo aseguran, durante os mandatos socialistas.