O Auditorio de Ourense acolleu a presentación de «A Musa da Paz», unha exposición colectiva de 28 artistas ourensás que dá inicio aos actos conmemorativos da Semana da Paz, un programa que inclúe charlas, obradoiros e un recital de poesía. A mostra, que permanecerá até o 25 de setembro, abriuse co visionado dun vídeo de Nuria Pauluchi, e contén obras de Acisclo Manzano. AleXandre, Ana Costas, Antonio Souto, César Prada, Karballo, Ramón Conde, Tareixa Taboada ou Tony Ferrer, entre outros, e está comisariada por Elhaba Carballo.
Na presentación participaron Eva Torres, directora de espazos expositivos do Concello de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Cultura; Sofía Godoy, concelleira de Asuntos Sociais; Artur Alonso e Ehlaba Carballo, organizador da Semana da Paz e comisaria da exposición respectivamente.
Porén, os actos conmemorativos do Día Internacional da Paz (o 21 de setembro) esténdense durante toda a semana. Este domingo iniciaranse cun obradoiro de Ioga termal a cargo de Cristina Pérez. Será ás 17:00 horas nas instalacións das Termas de Outariz. É unha actividade gratuíta e aberta a todo o público interesado.
O luns iniciaranse as conferencias e charlas coloquio. Desde as 18:00 horas na galería Sargadelos, abordarase o papel do infividuo na sociedade (relación interior – exterior) a cargo dos relatorios de Artur Alonso e de Koldo Aldai. A: Individuo – Sociedade: Relación Interior – Exterior. O mércores 21, no bloque de sociedade e ecoloxismo, tomarán a palabra Alexandre Brea, que falará sobre ciencia e espiritualidade, e José Antonio Lozano García, que falará das diferencias entre a filosofía oriental e a ocidental. O último dos bloques falará sobre o multiculturalismo, e terá como relatores á doutora Sueli Simões (conciliación entre as emocións e a mente) e a Rhicardo Ribeiro.
O programa pecharase o sábado 24 ás 21:30 horas no Liceo de Ourense, cun recital de poesía e música a cargo do Círculo Poético de Ourense e música de Andrés Fernández Rodríguez.