Ánxeles Cuña (Pontevedra, 1957), leva case catro décadas en Ourense, compaxinando teatro e ensino, e agora dá o salto á política para liderar a lista ourensá de En Marea.
Por que deu este salto á política?
Ánxeles Cuña: “Porque teño conciencia, primeira cuestión, e segunda cuestión, sei o que deixo, o teatro que é a miña paixón, o ensino, que é a miña vocación, e decido ser activa nisto porque creo que podo constribuír co meu grao de area. Creo que En Marea é a mellor alternativa, senón non me metería. Creo nos dereitos humanos, na democracia participativa real; e desde un punto de vista igualitario, desde o social, desde a xustiza, eses son os motivos imperiosos. Porque ademais Ourense é a provincia máis pobre de España e a min paréceme que non somos pobres nin en xente nin en talento, somos pobres porque estamos abandonadas, é un abandono tan grande que hai que loitar e remar para que isto se transforme”.
Que diferenza a En Marea doutras opcións políticas?
A.C.: “En Marea é unha confluencia e isto para min é unha riqueza, En Marea esté composta por xente de partidos, de sindicatos, de movementos sociais, por xente diversa e plural, creo que a sociedade é diversa e plural. Isto que para moitos pode ser un problema eu estou vendo un nivel de comunicación extraordinario. Ademais hai moi bos e boas profesionais en todos os sectores. Unha diferenza grande é que non é un proxecto de arriba abaixo, é de abaixo a arriba, a xente está facendo achegas ao programa.
Obxectivo prioritario que non hai noutros partidos é priorizar cuestións cruciais como a pobreza, o equilibrio, a defensa da xente que máis o necesita, dar voz a quen non a ten, isto é un elemento diferenciador. Outro: fronte á opacidade, enfocar a política para lucrarse ou para ascender, aquí o obxectivo claro é a cidadanía. Que o protagonista real do parlamento sexa a cidadanía e para iso temos un nivel de escoita, de recepción, de democracia real moi importante.
Outro nivel moi vital é a defensa do noso, enfocar a política dende a xustiza social significa facer políticas de proximidade, políticas sociais realmente efectivas, moi pragmáticas, darlle importancia non só ás cidades senón o rural, loitar pola dignificación laboral. É sangrante a cantidade de xente que ten que emigrar, entre os 25 e os 45 é unha auténtica sangría, esa xente non pode formar familias nin traballar… todas estas cousas son elementos diferenciais.
As políticas sociais son prioritarias. Diante do desmantelamento da educación e da sanidade, do desmantelamento brutal da cultura, da falta de protección das mulleres, as nosas políticas son moi claras e directas e están enfocadas a facer planos, cambiar leis…”
Que propostas concretas ten En Marea para reverter os problemas da provincia?
A.C.: «Por exemplo a nivel de ensino, nós plantexamos a igualdade de dereitos, vivas onde vivas; plantexamos a paralización da Lomce, non é xusto que haxa nenos de primeira e segunda.
A nivel de sanidade, as medidas van ao público, a defender unha asistencia para todos.
A nivel de servizos sociais, en Ourense de 300.000 habitantes, cento e pico mil están na franxa da pobreza, hai que tomar medidas concretas. Que se está facendo no municipalismo? Á xente que non lle chega a RISGA, facer un complemento.
Se arde perdemos 7.000 hectáreas só en Ourense nas dúas últimas semanas, iso é gravísimo para a gandeiría, hai que atender a demanda desa xente. As cotas lácteas, que a xente estea vendendo por debaixo dos niveis de produción… isto é abandono dunha provincia riquísima.
Estratexias concretas? Necesitamos políticas de proximidade, apoiar os produtos nosos, e potenciar esas producións, arroupar aos emprendedores, ás pemes, arroupar con políticas coherentes toda esa riqueza que temos.
Non estamos á cola porque si, estamos a cola polo abandono, non porque non haxa riqueza. Queremos unha política económica equitativa, solidaria, igualitaria. E iso como se pode facer? Con planos, freando esta sangría da xente que é cobizosa, que mira polo seu embigo, mirando para a nosa xente, permitindo que a nosa xente nos traslade as súas demandas”.
Polo que din as enquisas, parece que a alternativa ao PP pase por un pacto entre partidos. Cales serán as liñas vermellas para en Marea?
A.C.: “En Marea é dialogante e podemos chegar a un entendemento, e hai moitas cousas en común. As previsións? Non o sei, hai enquisas por aí… quen ten a palabra é a cidadanía e hai moita xente desexando ter unha alternativa diferente, porque xa está farta, ata as orellas de que os políticos non se entendan, non traballen a prol da xente. Creo que aquí, a diferenza do que está pasando en Madrid, na nosa Comunidade pode haber un acordo que nos saque desta miseria na que estamos vivindo”.
Por que deberían os ourensáns votar a En Marea o 25 de setembro?
A.C.: “Porque é unha alternativa sólida, porque están claros os obxectivos e as metas, porque creo que a xente necesita confiar na xente coma ela, xente honrada.
Eu son consciente de que hai moito desencanto, a política está moi denostada, tense o concepto de que os políticos van aí para trepar, para enchufar os amigos e saír por unha porta xiratoria. A diferenza grande é que temos un código ético que nos leva a non ter un salario máis aló de tres veces o salario básico, temos o compromiso de dar conta, temos o compromiso da participación real, de que nos pidan contas e de dalas.
Eu convido a que a xente confronte os programas e mire se realmente satisface os seus intereses ou non e se merecemos unha transformación. Eu espero que a xente de Ourense que ama a cidade e a provincia, toda esa xente que necesita alternativa, que sinta isto como unha oportunidade histórica, como unha cita coa transfromación real e se ven que non o facemos ben que pidan contas e que marchemos”.