A Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de Ourense e a Asociación de Comercio e Hostalaría de Allariz, presentaron hoxe unha campaña de dinamización do consumo nas vilas galegas, que baixo o lema “As compras na túa vila teñen premio”, desenvólvese na vila dende o luns 19 de setembro ata o 30 de setembro. A iniciativa premiará con 4.000 euros a confianza no comercio retallista da cidade, sorteándose 5 tarxetas regalo de 300 euros e 25 tarxetas regalo de 100 euros.
Nos días de duración da campaña, os consumidores que aposten polo comercio tradicional de Allariz poderán presentar os seus tickets de compra na carpa situada no Campo da Feira-A Barreira ou ás promotoras que se atoparán polas rúas da cidade, quenes lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o venres, 30 de setembro, nunha carpa ubicada no mesmo Campo da Feira – A Barreira, dentro do programa dunha festa final de campaña que contará coa actuación do mago Rei Midas. O sorteo será ese día ás 20.00 horas en directo e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.
A campaña será publicitada nos establecementos de Allariz, que contarán con carteis e repartirán entre os seus clientes trípticos informativos.
A iniciativa “As compras na túa vila teñen premio” está organizada pola Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria – Dirección Xeral de Comercio, a Federación de Comercio de Ourense e a Asociación de Comercio e Hostalaría de Allariz. Tamén colaboran ABANCA; Novogal e o Grupo Femxa. Trátase da novena edición desta campaña, que ata o mes de outubro desenrolarase en catro vilas galegas, e que se pecha en Allariz.
A presentación esta mañá contou coa presencia da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; a súa homóloga na Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; a presidenta da Asociación de Comercio e Hostalaría de Allariz, Beatriz Fernández; o alcalde de Allariz, Francisco García; e a concelleira de Comercio de Allariz, Cristina Cid.