A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou en Ourense nun obradoiro do programa de promoción de consumo de peixe entre a poboación infantil “O sabor da aventura está no mar”, enmarcado na Semana do Mar. Alí a titular de Mar destacou que esta campaña, impulsada pola Consellería do Mar e que se desenvolve nos centros escolares a través do Plan Proxecta que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi escollida este ano pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas en proxectos financiados polo Fondo Europeo da Pesca.
Neste sentido subliñou que dende o seu inicio, no ano 2010, chegou a máis de 45.000 nenos que coñeceron diferentes aspectos sobre a importancia de consumir peixe e que o curso pasado foron 7.400 os rapaces e rapazas que coñeceron este programa. Ademais explicou que o obxectivo de “O sabor da aventura está no mar” é valorizar e promover os produtos da pesca de Galicia e facilitar o seu coñecemento e consumo.
A través desta iniciativa, engadiu Rosa Quintana, a Xunta tamén busca fomentar o equilibrio das dietas alimenticias, xa que os produtos da pesca son fonte de proteínas de baixo contido calórico e son ricos en ferro e vitamina D. Ademais teñen alto contido en ácidos graxos Omega-3.
O programa
O obradoiro que se realiza en Ourense inclúe a elaboración de receitas de ensalada mariñeira e sushi e nel participan 50 nenos. En xeral, o programa desenvólvese dun xeito lúdico e formativo principalmente nos centros escolares e tamén se difundiu en campamentos urbanos e actividades culturais.