O Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición dos programas de prevención e educación no ámbito familiar, que esta vez terán como un dos seus eixos temáticos a sobreprotección dos nenos e as súas consecuencias negativas. Serán o eixo da campaña de divulgación “Quéreme… dáme ás, ensíname a voar”, que percorrerá os centros educativos, e dunhas xornadas técnicas que se realizarán en outubro no Auditorio.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy e a técnica Luisa Rodríguez presentaron o programa de educación e prevención familiar, que pretende afondar na importancia de nais e pais no contexto preventivo, xa que xogan un papel primordial á hora de transmitir os nenos valores, hábitos, actitudes e formas de comportamento que os fillos imitan de xeito consciente e inconsciente.
En setembro e outubro desenvolverase a campaña: “Quéreme… dáme ás, ensíname a voar”. Os seus obxectivos son promover unha reflexión educativa e positiva sobre o modo en que estamos educando a fillos e fillas na actualidade, sensibilizar sobre as consecuencias da sobreprotección, promocionar a educación para a autonomía e os seus efectos positivos ademáis de informar dos recursos do Concello para a axuda ás familias no ámbito educativo.
Neste marco, os días 25 e 26 de outubro, no Auditorio Municipal terán lugar as VIII Xornadas “Sobreprotección e saúde”, nas que unha ducia de profesionais do mundo da psicoloxía, a psiquiatría, a educación e a fiscalía de menores, analizarán a sobreprotección desde diferentes puntos de vista. A inscrición é gratuíta e poderase realizar desde o 3 de outubro na Concellería de Sanidade.
Escola de Nais de Pais
A Escola de Nais e Pais volverá ser un recurso para apoiar aos educadores no proceso evolutivo, educativo e madurativo de nenos e nenas dotándoos das ferramentas necesarias para favorecer un bo clima emocional e de relación.
A próxima edición, que comezará en xaneiro, centrarase en tres temas: a emoción na familia, a sobreprotección e as súas consecuencias e os fenómenos que preocupan na pubertade e adolescencia.
Incluirá formación presencial, traballando de forma directa en giupos, non presencial, coa entrega de unidades didácticas e boletíns e a realización de actividades de asesoramento e apoio aos colexios e asociacións… que implementen a actividade.
Ocio e apoio psicolóxico
A programación complétase con “Ocio en familia”, que ofrece a posibilidade de que nais, pais, fillos e fillas gocen de experiencias no tempo de lecer dun xeito saudable, alternativo e divertido, e que facilite a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana potenciando a curiosidade de rapaces/as dun xeito lúdico. Será durante meses meses de maio e xuño de 2017.
Finalmente, o SMaFF (Servizo Municipal de apoio a familias con fillos), seguirá encargado de orientar, asesorar, mediar e derivar, se é necesario, a familias con fillos que se atopen ante situacións puntuais de conduta que poidan afectar ao benestar e ao equilibrio psicosocial do grupo ao que pertencen.
O servizo é gratuíto, con con cita previa no teléfono 988 510 622, e desenvólvese de de xeito continuo, de luns a venres na Concelleria de Sanidade, de 9.30 a 13h.