O director do Igape, Javier Aguilera, salientou a capacitación dos directivos e mandos intermedios das empresas como unha das garantías para conseguir que Galicia, de acordo co previsto na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, siga acadando un incremento das súas exportacións. Durante o encontro que mantivo este martes cos dez directivos e cadros empresariais que participan no curso de inmersión en inglés que se desenvolve esta semana nos Peares, Aguilera destacou que o dominio de linguas é fundamental para abrir portas cara a novos mercados.
Este ano o Igape prevé impulsar tres cursos de inmersión en inglés empresarial para grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas, que contarán con profesores nativos. O primeiro destes cursos comezou o pasado domingo e rematará o próximo día 30 de setembro. Os próximos cursos, organizados polo Igape, desenvolveranse do 23 ao 28 de outubro, e do 20 ao 25 de novembro.
Unha vez rematados os cursos de inmersión, os alumnos participantes poderán acollerse a un seguimento personalizado, durante tres meses, que inclúe mensaxes diarias, avaliacións por correo electrónico e comunicacións telefónicas, así como visitas persoais dos profesores aos alumnos nas súas empresas. Tamén poden optar polo servizo de seguimento responsables de exportación de empresas que desexen consolidar os seus niveis de inglés.
Ao abeiro das convocatorias de cursos de formación en inglés empresarial desenvolvidas o pasado ano participaron un total de 39 alumnos en cursos que se desenvolveron durante unha semana intensiva ou durante cinco fins de semana, para mellor adaptarse ás axendas dos participantes.
O esforzo das empresas galegas, xunto co firme apoio da Xunta, está a facer posible un constante crecemento das exportacións. Así, e despois de acadar en 2015 un novo máximo histórico, con vendas por máis de 18.830 millóns de euros, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento de preto do 4% ata o pasado mes de xullo.