Estes traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Rafer por un importe de preto de 200.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), está a executar as obras de rehabilitación de firme na Travesía de Proba de Trives (OU-536), o que suporá unha mellora na seguridade viaria desta zona. Esta actuación adxudicouse a Construcciones Rafer por case 200.000 euros.

As obras consistirán no fresado da capa de rodadura e a extensión do aglomerado, polo que a previsión é que a nova rodadura da travesía de Trives quede rematada a finais desta semana; salvo o repintado.

Na OU-901, realizaranse obras de rehabilitación de firme entre Agrela (concello de San Cristovo de Cea) e San Martiño (concello de Vilamarín). Neste tramo da estrada existen a súa vez tres subtramos nos que o firme está afundido na zona da rodeira polo que estenderase unha nova capa de rodadura nunha lonxitude de 3.100 metros para reparalo.

Por último, na OU-504 levaranse a cabo as obras de rehabilitación de firme entre San Cristobo (Concello de Beade) e San Cristovo de Cea. Neste tramo realizaranse as reparacións só nos tramos que presentan deformacións, mediante fresado e reposición de firme en zonas puntuais.

 

Plan de Reforzos de Firme

Estas actuacións forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 600 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, a través dun investimento de máis 23 millóns de euros.