O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), inauguraron en Melgaço (Portugal) unha xornada enmarcada en “O Termalismo como elemento dinamizador do territorio transfronteirizo”, organizada por ambas entidades, na que expertos nacionais e internacionais, aportan unha perspectiva técnica sobre a captación de Fondos Europeos e do encaixe e enfoque que se pode dar aos distinto programas operativos.
As entidades promotoras do proxecto son a Deputación de Ourense e a CHMS, tendo como socios aos concellos ourensáns de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños, e as Cámaras Municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro. O ámbito no que se pretende actuar son as zonas termais transfronteirizas do río Miño (Concello de Cortegada, e Cámara Municipal de Melgaço) e do río Limia, nos ámbito dos concellos de Lobios, Bande e Muíños, e da Cámara Municipal de Terras de Bouro.
Para a consecución dos obxectivos plantexados o proxecto estrutúrase en seis eixos de actuación. O primeiro trata a vertebración dunha rede de termalismo transfronteirizo; o segundo, a recuperación ambiental e a posta en valor de entornos naturais de espazos termais; o terceiro, ocúpase da valorización e recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais termais; o cuarto, contempla a xestión conxunta e a promoción de recursos e itinerarios termais de frontera; sendo o quinto e o sexto, os referidos á difusión, coordinación e xestión.
Dentro das actividades que se contemplan en cada un dos eixos destaca a creación dunha folla de ruta para o impulso do Termalismo de Fronteira, con estratexias consensuadas e actividades planificadas; as actuacións puntuais para solventar problemáticas de augas residuais existentes nas proximidades de entornos termais: a construción de sendeiros, a restauración arbórea e a recuperación, mellora e acondicionamento das ribeiras dos ríos nas contornas termais.
Tendo en conta a complexidade do proxecto, o número de socios e o marco temporal de execución que se estima en 36 meses, o presuposto do proxecto ronda os 3,4 millóns de euros, dos cales se espera que un 75% sexa co-financiado por FEDER.