- Este evento ha pasado.
Exposición: «Experimenta 10+1»
10 octubre, 2016 - 11 diciembre, 2016
No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense vén de inaugurarse a exposición “Experimenta 10+1”, un proxecto expositivo colectivo no que os artistas xogan co espazo, coa cor, o volume, a forma e a percepción do espectador.
Pintura, escultura, debuxo, instalación, e mesmo vídeo, reflicten toda a multidisciplinariedade da arte contemporánea nas obras de Chelo Matesanz, Mónica Alonso, Din Matamoro, Sara Coleman, Suso Fandiño, Berta Cáccamo, Hector Francesch, Mónica Trastoy, Mar Vicente e Rubén Fernández Castón, ademáis da peza de Adriana Pazos e María Roja, que ademais da acción artística en directo «Dasein», realizada no acto inaugural, compleméntase cunha vertente expositiva. Comisariada por Paula Cabaleiro e asistida por Íñigo Rodríguez, esta exposición trata de provocar un diálogo co espectador, cuestionando os límites da pintura dende diversas liñas experimentais.
«O expandido fai referencia, entre outras cousas, á multiplicidade de medios e fórmulas que se poden utilizar na arte, facendo alusión á globalización do mundo, pero tamén aos medios que o desenrolo puxo ao servizo dos creadores. Falaba a crítica norteamericana Rosalind Krauss de cómo “categorías –xéneros- como a escultura e a pintura foran amasadas, estendidas e retorcidas nunha demostración extraordinaria de elasticidade, unha exhibición da maneira en que un termo cultural pode estenderse para incluír case calquera cousa”, dixo Paula Cabaleiro, comisaria da mostra. Esta elasticidade e extensión, sen chegar a romperse, é dicir sen deixar de ser escultura, pintura, fotografía u outros, é o que posibilita a “rotura” ou desestimación do límite.
Esta mostra recolle unha mestura multixeracional de 12 experimentos artísticos, 12 modos de pintar (de xeito expandido), 12 maneiras de proceder, de crear e rachar categorías. A pintura como transgresión do propio xénero, a escultura como medio para transformar a percepción do espazo, a luz como materia dúctil e o espectador como axente participativo na obra. O resultante do acto pictórico expándese nunha materialización da imaxinería visual a través da cor, integrando o movemento, o percorrido e as sensacións como elementos construtores. As superficies québranse, ábrense e retórcense, a cor fuxe dos lindes, vólvese luz, corpo e movemento, no que para o artista é un acto de liberación do plano.
“Xogamos coa provocación. A emoción maniféstase en cada cor, en cada contraste, en cada espazo, e nesta posta en escena da pintura expandida cada elemento está suxeito a outro sendo, por tratarse da suma de elementos reais e virtuais, difícil de premeditar con completo control. A instalación, o vídeo e os novos medios irrompen nesta pintura contemporánea para acadar unha maior transformación do lugar, da súa dimensión e da súa forma, rachando a lectura lineal, sen un comezo nin un final”, destacou a comisaria da mostra.
Esta pintura-video-instalación xenera un espazo alterado, onde a obra cobra un corpo-obxectual no que o espectador está inserto, “entra á obra”. Esa condición de estar dentro da “obra” é o que permite ser percibida por todos os sentidos e trasladar ao observador ao espazo que pretende o artista, un espazo ritual, sensorial e irracional, explicou Paula Cabaleiro.