O Concello de Ourense e a operadora ferroviaria Renfe chegaron a un acordo para aplicar un desconto do 30% nos billetes de todos os trens de traxecto nacional con destino á nosa cidade entre o 28 de outubro e o 10 de novembro. Esta acción promocional da cidade servirá tamén como apoio ás actividades que se celebran na cidade nesas datas: o concurso de pinchos Sabores de Ourense (do 28 de outubro ao 13 de novembro), o Festival de Cine Internacional (do 28 de outubro ao 5 de novembro), o Samaín (1 de novembro) e un dos clásicos do noso ciclo festivo, o Magosto.
Solicitar o desconto é moi sinxelo para os usuarios: á hora de comprar o billete haberá que presentar un impreso que se pode descargar na páxina web da Concellería de Turismo. O desconto é válido para todos os traxectos nacionais con destino a Ourense dentro desas datas.
Porén, o acordo con Renfe non é a única acción dirixida á captación de visitantes para esas datas, xa que a concellería de Jorge Pumar prepara unha campaña de promoción turística da cidade para darlle visibilidade aos eventos que se celebran no Outono. “A nosa intención é darlle vida a esta cidade aproveitando a celebración conxunta de diferentes eventos. A mellor estampa de Ourense é vela chea de xente dándolle vida ás súas rúas”, afirma o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar.
Ademais de promocionar os eventos específicos deste Outono, o departamento de Turismo quere aproveitar para darlle a máxima visibilidade aos potenciais de Ourense, como é o termalismo, a súa gastronomía e patrimonio histórico artístico.