O Centro de Orientación Familiar (COF) da Diocese de Ourense promove a creación de grupos de autoaxuda destinados a coidadores de dependentes. Unha iniciativa que xurdiu fai uns anos no grupo de Caritas de Xunqueira de Espadanedo da man do párroco Carlos González Prieto e que agora, desde o COF, que dirixe, quere implantar nas parroquias da capital ourensá.
A Diocese busca así “arrimar o ombreiro” e axudar aos verdadeiros “héroes”, as familias e coidadores, que moitas veces se sinten queimados e sofren o desgaste, a nivel físico e social, do seu labor.
E para iso o COF organizará uns encontros nos que os coidadores “se poidan encontrar cun profesional que vai tratar de darlle unhas axudas, todos os contidos van destinados aos coidadores”, detallaba o seu director. Participan de xeito voluntario psicoterapeutas, farmacéuticos, enfermeiros, ou fisioterapeutas. Todas as sesións terán actividades prácticas onde as persoas poderán participar e intervir. “Non son charlas, o coidador ten que sentirse protagonista”, precisaba González Prieto.
Os encontros programarán un mínimo de tres sesións, habitualmente os sábados pola tarde, nas que se tratarán aspectos como a realidade de coidar a outro, fisioterapia de restauración ou o equilibrio emocional.
Polo momento xa hai unha parroquia que manifestou o seu interese en desenvolver estes grupos de autoaxuda, a de San Pío X, pero desde o Centro de Orientación Familiar agardan chegar a outras tres parroquias máis neste curso, con arredor de dez participantes en cada un deles.