Semana atípica esta na que en oito días se disputan tres xornadas da Primeira Galicia. Non así o é o feito de que se enfronten a Unión Deportiva Ourense e o Atlético Arnoia.
Nos tres anos de historia do club unionista perdeuse a conta dos enfrontamentos entre capitalinos e pementeiros; encontros de Liga e Copa sempre cun tono de rivalidade que unhas veces caeron dun lado e outras doutro.
O Couto será a sede deste partido que corresponde á oitava xornada de Liga. Disputarase ás 17 horas deste domingo 16 de outubro.
Se miramos a clasificación, a UD Ourense é o favorito pero nestes encontros nunca está claro quen levará a vitoria. O último enfrontamento remóntase ao 28 de agosto deste ano no que era a primeira rolda da Copa Deputación.
Nesa ocasión os homes de Antonio Dacosta lograran a vitoria por dous goles a cero.
O Atlético Arnoia vén de golear ao Taboadela (6-0) esta xornada, polo que chega cargados de moral. O equipo marcha na oitava posición con 11 puntos, a sete do seu rival.
Manter o liderato
Cando comezara esta semana de tres xornadas en oito días, Antonio Dacosta apostaba polo reto de sumar os nove puntos. Nos dous primeiros partidos cumpriuse o prognóstico e o seu equipo sumou sendas vitorias. O que non esperaba é que se colocaría líder trala disputa do partido do pasado mércores.
Agora, ademais de sumar o pleno de vitorias nestes tres partidos, ten a posibilidade de manter o liderato. Gañar para non agardar ao que faga o Bande é a premisa que se ten para esta xornada. Tamén quere que o seu equipo sexa forte en casa e non ceda ningún punto desde agora.
O técnico da UD fará cambios con respecto ao once que se enfrontou ao Francelos para dar descanso aos máis tocados.
Resto da xornada
Bande – Maside; A Manchica – A Peroxa; Ribeiro – Velle; Cortegada – Antela; Taboadela – Monterrei; Allariz – Francelos; Vilariño – Viana e Xunqueira – Celanova son o resto de partidos que depara esta xornada.