O servizo de axuda a domicilio, que presta atención a 720 veciños e veciñas da cidade, vén de ser adxudicado pola Xunta de Goberno local do Concello de Ourense á empresa Valoriza Servicios a la dependencia S.L. Logo de presentar a oferta mellor valorada tanto na parte técnica coma na proposta económica por parte da mesa de contratación. O orzamento de licitación, de 2,89 millóns de euros anuais, contaba como parámetro o prezo por hora de traballo, estimado polos técnicos en 15,60 euros por hora. A empresa ofertou unha baixa do 3,39%, tanto nas horas ordinarias como extraordinarias.
“A día de hoxe estanse a prestar un total de 22.700 horas mensuais de axuda no fogar entre as de libre concorrencia e as de dependencia, pero cómpre resaltar que, desde que chegamos ao goberno desta cidade duplicamos o número de horas de atención á dependencia”, afirmaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa. “En xuño de 2015 prestábanse 8.272 horas e, no transcurso dun ano, pasamos a prestar ao redor de 17.000”, dixo.
O servizo de axuda a domicilio persegue promover a independencia e autonomía persoal dos dependentes, de xeito que podan permanecer no seu propio domicilio o maior tempo posible, mellorando a súa calidade de vida. Para iso proporcionáselles unha atención profesional individualizada, de carácter preventivo, asistencial e rehabilitador, que inclúe atención persoal (hixiene personal, mobilización dentro do fogar, axuda na toma de alimentos, entre outras), tarefas de atención doméstica (limpeza da vivenda, adquisición de alimentos e preparación de comidas, mantemento básico de utensilios domésticos e de uso persoal) e prestacións máis especializadas.