O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou que 2016 é o ano no que máis se investiu na concentración parcelaria, con máis de 27 millóns de euros destinados a tal efecto. A maior parte destes fondos, 23,4 millóns, corresponden ao Plan de reestruturación parcelaria, que á súa vez proceden maioritariamente do plus de responsabilidade de que dispón Galicia por cumprir o déficit público.
“Neste momento levamos rematada aproximadamente a concentración de 21.000 hectáreas —explicou Feijóo—, polo que ao finalizar este 2016 haberá 17.838 novos propietarios e estarán ordenadas 26 zonas”.
O presidente en funcións asegurou que un dos obxectivos da próxima lexislatura será o impulso do sector primario e o agroalimentario. Para conseguilo, “a prioridade será unha concentración moi pensada e selectiva no entorno das explotacións agrogandeiras”. “Non concentraremos por concentrar nin só por unha decisión de ordenación do territorio”, aclarou Feijóo, que precisou que se adicará unha especial atención ás zonas con actividade agraria.