Xornada importante para os dous equipos ourensáns da Primeira división de fútbol sala. O Cidade enfrontabase a un dos equipos cos que loitará pola salvación e o Envialia a un dos que mellor inicio de tempada levan realizado.
Cidade
As de Manolo Codeso actuaban como locais no partido contra Rubí. O partido comezou moi tenso á vez que trabado, é que ningún dos dous conxuntos quería perder contra un rival directo pola salvación.
O primeiro gol tardou en chegar e este foi en propia porta contra os intereses das visitantes. Candela centraba e Ana, no seu afán por despexar introducía o balón na súa porta. Antes do descanso Gisela transformaba un dobre penalti o que permitía marchar cara vestiarios con empate a un.
Ao inicio da segunda metade, Sonia Pacios lograba o segundo gol local nunha xogada ensaiada ao remate dunha falta. Un minuto despois Iria, nun rechazo en curto de Nerea poñía o 3 a 1 para o Cidade. O conxunto catalán foi na procura de recurtar diferenzas e o conseguí co gol de Arancha no ecuador do segundo tempo.
Nos último minutos o Rubí optou polo xogo de cinco sen resultado; ao contrario, Iria lograba, desde cancha propia marcar o cuarto tanto das franxiverdes e darlles os tres puntos.
O Cidade é décimo con 9 puntos. A vindeira xornada visita a pista do Rioja, outro equipo que ten como obxectivo a salvación.
Envialia
O Ourense Envialia sumou unha importante vitoria na cancha do Roldán. Sara Moreno, que volve a ser determinante, abría a lata cun gol aos catro minutos de encontro. A forte presión de ámbalas dúas escuadras tan só permitiu que se lograra un gol máis nos primeiro 20 minutos, este foi obras de Bea Seijas para deixar o marcado favorable para as ourensás (0-2). Vanessa Barberá mantivo a cero a súa porta grazas a grandes intervencións.
Nada máis comezar o segundo tempo, Mayte Mateo lograba recurtar distancias (1-2). A pesar de que a gardameta seguía coa súa particular exhibición baixo paos, non foi quen de atallar o lanzamento de Mariángeles para poñer o empate a dous tantos.
Pero este sería o partidode Barberá. A porteira logrou despexar un dobre penalti que aproveitaron en contragolpe as súas compañeiras para, por mediación de Andrea, lograr o terceiro tanto. Ademais, a menos de dous minutos parou un penalti e o posterior rexeito para darlle os tres puntos ás albinegras.
Esta vitoria fai que as de Chipi suban ata a cuarta posición con 15 puntos. A vindeira xornada o Envialia recibe ao Gironella.