Alberto Canal (Casal de Maus, A Merca,Ourense, 1967). Durante unha década exerceu de xornalista na prensa escrita, para pasar logo ao eido da comunicación empresarial na empresa Caldaria. En 2008 publicou a súa primeira novela, ‘Conexión Tubinga’, unha intriga filosófica sobre a existencia de Deus que resultou finalista do Premio Xerais dese ano e do San Clemente de 2009. ‘O amor nos escuros días de Birkenau’ é a súa segunda novela e tamén foi finalista do Premio Xerais.
Lendo a sinopse do libro, adivíñase un relato duro.
Alberto Canal: “É un relato sobre unha época da historia bastante crúa, dura. O trasfondo do Holocausto todos sabemos cal é, aínda que nesta novela non intentei incidir sobre os aspectos máis crus da realidade dos campos de concentración, senón que o centrei na historia de amor entre os dous personaxes protagonistas, Tomas Munch e Irene Rosenthal. Munch é un político alemán anarquista que é condenado a Birkenau como preso político para exercer o traballo de coordinador da brigada de perruqueiros, alí se encontra casualmente con Irene Rosenthal que é unha polaca xudea, e iníciase unha relación sentimental que vai ter continuidade ao longo da novela.
O que pretendo amosar desa relación non son os sentimentos como aquilo que nos acontece a todo o mundo nun momento da vida dun xeito espontáneo, senón a procura do amor e dos sentimentos dunha maneira desesperada, como unha motivación para sobrevivir, e o conflito emocional que provoca nas persoas que se enfrontan a iso a peito descuberto, debido ás circunstancias que os rodean”.
A Segunda Guerra Mundial, o nazismo, o Holocausto… son temas moi tratados na literatura, cal é a túa achega a esta temática?
A.C.: “Tense escrito moito últimamente, desde David Safier con ‘28 días’ ou Marcus Zusak con ‘A ladroa de libros’ pero o curioso é que eses autores seguen invitando a escribir sobre estes temas. A Segunda Guerra Mundial, o Holocausto, a Shoah, é un pano de fondo no que ocorren historias; o importante é a historia que se conta e como se conta, conseguir contar unha boa historia e contalo do xeito axeitado é a procura de todo escritor. Ben é certo que achega un dramatismo que ao mellor non o achegan outros momentos.
Tampouco foi unha historia que eu fun buscar. Xa o teño contado, fun visitar unha feira de turismo en Ourense e na oficina polaca de turismo atopeime cunha moza que cando lle pedín información para ir visitar os campos de concentración de Polonia me pediu que non os fora visitar, o cal me sorprendeu. Logo coñecín que case todos na súa familia morreran nese campo e ela consideraba que Auschwitz ou Birkernau non tiñan sentido como museo. O que pasa é que tamén te atopas con outro tipo de persoas que si cren convinte seguir contando historias sobre o Holocausto. De feito na presentación do libro lembro situacións actuais de extremismos que non están tan lonxe da realidade de Birkernau; poño por caso persoas que foron queimadas vivas e o seu martirio retransmitido en televisión por parte dos xihadistas; os extremismos de dereitas que levan anos presentes en Europa… contar unha historia sobre aquilo non é tan vacuo como poida parecer”.
Con que obxectivo escribes?
A.C. : “Eu doulle máis importancia á historia que se conta, que sexa unha historia atractiva, que ao público lle guste, aí inflúe moito a maneira de contala. ‘O amor nos escuros días de Birkenau’ está contada a maneira de intriga, pero recoñezo que no escritor ten que haber unha pulsión por traballar co idioma no sentido creativo. Ese é a principal motivación.
E logo tamén está o desafío de facer unha obra, de intentar lograr unha obra de arte, eso está aí presente.
Tamén tes a motivación de que iso que estás a contar poda chegar ás persoas, porque no fondo o escritor non escribe para si mesmo, escribe para que os demais vexan as súas historias”.
É complicado dar o paso de publicar?
A.C.: “Esta é a segunda novela na mesma editorial; a primeira, ‘Conexión Tubinga’, foi finalista do Xerais e ‘O amor nos escuros días de Birkenau’ tamén foi finalista do Premio Xerais . Entón non houbo que pelexar pola súa publicación porque pasou o tamiz dun xurado que ditaminou que era unha obra de calidade. Ademais xa tiña unha pequena historia despois de publicar ‘Conexión Tubinga’, co cal xa non era unha persoa descoñecida. Aínda que eu preferín chegar á súa publicación utilizando ese camiño porque hai xa varias valoracións por medio, non eres ti o que ofreces a novela, e dis ‘creo que esta é unha novela interesante’ senón que houbo un xurado. Enfrontei a ese recoñecemento desde o anonimato, non quería utilizar influencias nin buscar padriños, senón que entreguei a miña obra sen que ninguén soupese quen estaba detrás e recibín unha valoración positiva.
A verdade é que tamén está recibindo unha valoración positiva por parte da crítica, o cal é moi gratificante porque é un recoñecemento de xente cualificada”.
E a valoración dos lectores?
A.C.: “O libro leva dous meses e esta é a primeira presentación oficial (a realizada no Liceo de Ourense o 4 de outubro). Durante o verán fixemos pequenas presentacións e logo virán outras en Santiago, Vigo, Lugo… Á literatura en galego hai que darlle tempo e grao de coñecemento. Quizais dentro de tres, catro meses poderei dicir está indo ben ou non tan ben.”
Que papel xoga a literatura na túa vida?
A.C.: “Eu non penso na literatura como un traballo, polo menos polo momento e ata que non aconteza nada extraordinario. Desde a adolescencia quería ser escritor, incluso antes que xornalista. Canto tiña 11 anos perseguía ao meu pai para que me comprara a historia da literatura española en fascículos…
Durante unha etapa da miña vida dediqueime máis ao periodismo, que non che deixa espazo para outro tipo de creatividade. Unha vez que me liberei desde traballo recuperei esas ganas de crear. Tampouco publico tanto porque o traballo que fago esixe moita implicación”.
Entón xa hai algunha idea para un terceiro libro?
A.C.: “Si, de feito vai saír publicado en breve outra obra en Xerais que encadraron dentro da literatura xuvenil, pero penso que é un libro que pode gustar tamén a adultos. Está situado en Ourense, titúlase ‘O trapecista da malla de rombos’, e conta a visión dun neno de 10 anos da rúa do Vilar que aspira a ser trapecista. Conta os últimos días do Circo dos Muchachos e de Benposta, todo ese conflito que terminou cun dos proxectos, ao meu entender, máis interesantes da historia de Ourense. Non sei se vai saír neste segundo semestre ou a principios do que vén.
E estou escribindo tamén outra novela que vai pola metade, pero de cousas que están pola metade é mellor non falar”