A 9ª edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, organizada conxuntamente pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), bota a andar este venres -até o 13 de novembro- coa participación de 49 establecementos da cidade (13 deles participan por vez primeira). Este mediodía foi presentada na Estación de Loman, establecemento gañador da edición de Primavera.
Como cada outono, o requisito imprescindible para participar é que os pinchos estean elaborados con cogomelos e/ou castañas, materias primas frescas e de tempada, buscando potenciar así os produtos locais. O importe máximo dos pinchos será 2,50 €: prezos populares ao alcance de todos os petos para que todo o mundo poida achegarse a saborear estes petiscos.
Entre as tendencias desta tempada nos menús, destacan os trompe-l’oeil ou imitacións que enganan a vista, os pinchos feitos con caza (cervo, xabarín) e porco, e as “miniburguers”, habendo moita orixinalidade nas presentacións.
Os premios oficiais do concurso son os 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá Asociación Galega de Celíacos, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración. Cómpre lembrar que o público que deposite o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade.
Un plan perfecto
Esta edición de Outono está englobada dentro da campaña turística conxunta Un Plan Perfecto, que a Concellería de Turismo promoveu para aproveitar as sinerxias coa celebración dos Magostos, declarada festa de interese turístico, e o Festival de Cine.
Toda a información sobre locais e pinchos pode consultarse na web específica que habilitada dentro da portal da Concellería, no enderezo http://saboresdeourense.turismodeourense.gal/.