O filme documental «Santoalla», de Andrew Becker e Daniel Mehrer inaugurará esta noite o Festival de Cine Internacional do Ourense. Coa presenza dos directores do filme e presentada polos xornalistas Marta Gómez e Ángel Suazes, nesta Gala inaugural daranse a coñecer as liñas xerais desta edición con algunha que outra sorpresa.
«Santoalla» conta a historia de Martin Verfondern, o holandés desaparecido en Petín no ano 2010. Este filme documental xira arredor de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses progresistas, que só tiñan un soño: vivir no campo, lonxe das limitacións e complicacións da cidade. Con todo, ao chegar á aldea galega de Santoalla (lugar no que se rodou «Sempre Xonxa», de Chano Piñeiro), estes estranxeiros desafiaron as tradicións da única familia residente na localidade, iniciando un conflito de máis dunha década que culminou coa misteriosa desaparición de Martin. Mentres esta terra esquecida se ve inmersa no centro da polémica, Margo atópase procurando non só respostas, senón a forza para seguir adiante.
O OUFF xa celebrou este xoves o seu primeiro acto oficial coa inauguración da videoinstalación «Tiempo vertical» na Sala dos Arcos de Celanova, baixo a presenza de Lois Patiño -o autor-, Fran Gayo -director artístico e programador do OUFF- e Belén Iglesias -concelleira de Educación, Cultura e Comercio do Concello de Ourense-.
Fran Gayo quixo lembrar o momento no que coñeceu a Patiño, «hai uns cinco anos cando programei por primeira vez en América do Sur unhas curtametraxes súas» celebrando que «o traballo ás vece fai que se xeren grandes amizades». cineasta, pola súa banda quixo facer fincapé en que «dende o primeiro momento quixo formar parte desta aventura que é o OUFF».
Traballando con pantallas múltiples, Lois Patiño aborda en «Tiempo vertical» a concepción do espazo e o tempo desde perspectivas diferentes e á vez complementarias, buscando crear unha experiencia sensorial para o visitante.