Celebra está posicionada como unha das grandes citas dos organizadores de eventos de Galicia e unha referencia que non se perden as familias galegas que están a preparar unha voda, bautizo, comuñón ou calquera tipo de celebración para o vindeiro ano. Durante esta fin de semana o salón recibiu 4.000 visitas, aos que as 62 empresas expositoras ofreceron calidade, deseño e orixinalidade nos seus produtos e servizos. O 80% deles procedían da nosa provincia o que veu demostrar unha vez máis a boa sona que ten o comercio en Ourense.
A 17ª edición da feira definiuse por un marcado carácter creativo impulsado por emprendedores da provincia de Ourense en moda nupcial e de festa. As pasarelas do Salón Celebra foron as que congregaron ao maior número de asistentes interesados en coñecer as novas liñas das firmas colaboradoras que presentaron deseños de coleccións de fabricación propia, acompañados por estilimos internacionais en perruquería e maquillaxe así coma as novas tendencias en arranxos florais e xoiaría. As variadas novidades que se puideron observar na pasarela para a próxima tempada en moda nupcial de vestidos de noiva foron o emprego de telas coma o tul ou o encaixe e incluso plumas, as faldas con moito vó ou axustadas, e os escotes pechados e adornados así como tamén se puideron observar espaldas ao aire co efecto tatuaxe e transparencias. En moda nupcial para home se aprecia unha gran aposta polos traxes azuis, sen desbancar ao tradicional de cor negro. Tamén puido verse moita moda de festa onde a cor e as grandes xoias foron as protagonistas e un completo desfile tamén de traxes de comuñón e festa para os máis pequenos.
As pasarelas contaron coa participación das seguintes empresas: Alvarino (traxes de noivo e cerimonia); Charo López (moda festa); Chévere (animación); Drácena (arranxos florais); En dos detalles (decoración); Loyma (xoiaría); Magic Stories (organización de eventos); Nicandra (moda noivas); Noar Novias (vestidos de noiva e festa); Paris Diffusion (perruquería e estética), Passion Novias (moda noiva e comuñón) e Amorín Ceremonias (moda festa). Esta actividade estivo coordinada pola Axencia Luena.
Á hora de organizar un evento, os costumes evolucionan e moitas das parellas ourensás tenden a facer casamentos máis reducidos e familiares, aínda que o que máis se está a solicitar son as vodas temáticas e 100% personalizadas que rompan co tradicional. Neste tipo de eventos os profesionais coinciden en que algúns dos elementos máis demandados está sendo a instalación de mesas doces ou estacións, e sobre todo os “photocalls” e fotomatóns de “selfies” xa que a liña actual é facer vodas dinámicas e moi divertidas para os asistentes.
Próximo evento
A vindeira cita no recinto feiral será xa este venres día 4 de novembro co Foro da Comunicación de Galicia e coa entrega dos I Premios da Comunicación e do Marketing Galego.