O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez, reuníronse para analizar as estratexias de colaboración conxunta entre o municipio verinés e a entidade universitaria do sur de Galicia.
Da reunión, na que Diego Lourenzo plantexou varias vías de colaboración coa universidade, xurdiron varios preacordos que posteriormente se verán ratificados por sendas liñas de actuación. De entre eles, destacan a posibilidade de colaboración no eido do I+D en materia termal, na investigación arqueolóxica e histórica e no desenvolvemento de sinerxías de colaboración que fagan presente en Verín a actividade da Universidade de Vigo.
Neste sentido, Diego Lourenzo expúxolle ao vicerreitor a necesidade de facer presente riqueza termal de Verín e de todo o Val de Monterrei nas actividades do Campus da Auga, especialmente mediante a determinación de vías de colaboración para afondar na identificación das propiedades de cada surxencia mineromedicinal e no seu alcance e determinación de posibilidades comerciais.
Outro dos eidos de colaboración, ambos xermolo de futuros convenios para o seu desenvolvemento que Verín lle propón á Universidade de Uvigo é a colaboración en materia de investigación arqueolóxica e histórica. Concretamente, o Concello estaría interesado en que o Grupo de Investigacións Arqueolóxicas da universidade aborde un plano ambicioso de prospeccións que determinen con rigor a orixe e a evolución do poboamento da vila.
Así mesmo, Diego Lourenzo perfilou a posibilidade de establecer unha sede ou colaboración permanente á entidade universitaria en Verín, como base para abordar todas estas actividades no futuro.