O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente do Liceo, Xabier Casares, asinaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” un convenio de colaboración entre ambas entidades segundo o cal a Deputación achega un total de 25.000 euros para cooperación da institución provincial na programación cultural, literaria, artística e deportiva así como nos gastos de funcionamento desta sociedade cultural.
O presidente da Deputación de Ourense dixo que para o Goberno provincial “supón unha honra e unha satisfacción esta alianza cun emblema cultural da nosa provincia, como é o Liceo de Ourense, para seguir colaborando e potenciando o papel protagonista que esta entidade ten na provincia de Ourense”.
Baltar explicou que o Liceo, “que mantén viva a chama cultural de Ourense”, cumpre 166 anos desde a súa fundación como Liceo Recreo de Artesáns, “e a Deputación de Ourense, que tamén afonda na cooperación en materia cultura e artística, non podía menos que colaborar cunha entidade senlleira».
Pola súa parte, Xabier Casares agradeceu o apoio da institución provincial e dixo que o Liceo naceu “coa vocación de estar sempre presente nas actividades culturais e sociais da sociedade ourensá e, nese aspecto, estamos abertos á colaboración de todas as entidades que queiran ter un achegamento ao Liceo”. “Trátase –engadiu Casares- de facer proxectos que vaian en beneficio de Ourense e da súa provincia, que é onde se enmarca o convenio que asinamos hoxe coa Deputación, o cal vainos permitir realizar un maior traballo na defensa da cultura da provincia de Ourense”, asegurou Xabier Casares.
O Liceo de Ourense, con 700 socios actualmente, é unha sociedade cultural fundada en 1850, sendo desde entón un lugar de referencia na vida social e cultural de Ourense, con actividades que congregan anualmente a máis de cincuenta mil persoas. Casares detallou que no que vai de ano “o Liceo organizou xa 300 actos culturais”.