O Auditorio Municipal ofrece esta semana un variado programa cultural no que caben disciplinas coma a danza contemporánea, da man da ourensá Nuria Sotelo, a clásica cita co teatro infantil dos domingos pola mañá, e a actuación do humorista Carlos Latre o domingo á tarde. A oferta cultural inclúe, ademais, visitas guiadas gratuítas ás exposicións do Outono Fotográfico no Museo Municipal: Renacer, de Eva Díez, Soji, de Júlia Franco, e El paraíso, de David Mocha, son as mostras que se poden ver neste espazo da rúa Lepanto este mércores ás 20:30 horas coa presenza do curador da exposición.
Ensaio amor – xoves 10, 20:30 h., sala Principal, + 16 anos, 60 minutos.
A través da música, da danza e do texto, o último espectáculo de Nuria Sotelo aborda o universo feminino das súas creadoras. Unha violonchelista, dúas bailarinas e unha bebé en escena, reflexionan cos seus corpos, coa súa música e verbas sobre si mesmas como mulleres, artistas, nais e amantes. A obra non fala sobre o amor, é un acto de amor, un acto de resistencia que leva implícito unha realidade sobre a maternidade.
Cincenta – domingo 13, 12:00 h., sala Azul, +2 anos, 45 minutos
Danthea Teatro presenta a historia do zapateiro real que recibe todos os días calzado das persoas máis importantes do reino. Un día chegará ás súas mans un pequeno zapato de cristal, o fermoso zapato da moza Cincenta: un zapato que agocha unha fantástica historia.
In Live – domingo 13, 19:30 h., sala Principal, todos os públicos, 75 minutos
Carlos Latre é, posiblemente, o mellor imitador de España. Humor con selo propio no que resume toda a actualidade política, social, cultural e deportiva do país. Case un cento de personaxes no escenario nunha actuación chea de divertidísimos golpes de humor. Música, coreografías, a actualidade máis próxima a cada localidade.
Ciclo de conferencias Prego, 100 anos
As actividades do ciclo expositivo Prego, 100 anos completaranse na sala Valente a partir da semana que vén cun ciclo de conferencias sobre a figura do autor. O calendario será o seguinte: 15 de novembro, Aproximación biográfica a Manuel Prego de Oliver en catro tempos, a cargo de Xabier Limia; o 22 de novembro, A imaxe latente e o debuxo como o seu imago mundi, a cargo de Natalia Figueiras, quen tamén se encargará do relatorio do 29 de novembro, Prego e a atmosfera do baleiro, cara a un expresionismo metafísico; pechará o ciclo de novo Xabier Limai o 13 de decembro con O canon da pintura galega desde a Atenas de Galicia: Prego.