O Concello de Ourense vén de iniciar o expediente de contribución especial para a aprobación do proxecto de ampliación do servizo de extinción de incendios grazas a un proxecto de financiamento realizado pola Asociación Profesional de Aseguradoras UNESPA, dándolle así marco legal ás achegas anuais desta entidade.
A cantidade desta contribución especial é de 1.816.500 euros para catro anualidades, dos que o concello deberá financiar o 10%, cantidade que vén dunha porcentaxe en todas as pólizas de seguros destinada para os servizos de emerxencias -obrigatorios por Lei para todos os municipios de máis de 20.000 habitantes-, e servirá “para adecuar as instalacións existentes, renovar equipos, máquinas e vehículos, así como para adquirir outros novos adaptados aos procedementos de extinción”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa
A proposta técnica do Servizo contra Incendios e Salvamento cuantificou as necesidades para estes catro anos do seguinte modo: 51.000 euros para edificios e outras construcións; 251.000 euros para maquinaria, instalacións e útiles; 1.434.700 euros para elementos de transporte; 45.900 euros para mobiliario, e 33.900 euros para equipos de procesos de información. “Analizar riscos, causas e efectos, establecer medidas para a diminución de perigos, darlle unha resposta rápida ás situacións de emerxencia, accidentes e catástrofes, e axudar ao restablecemento dos servizos” son as prioridades básicas do Servizo de Emerxencias, segundo o rexedor.
“A última vez que recibimos unha achega da Unespa para este propósito foi de 330.000 euros. A cantidade anual desta partida é de 454.125 por ano, un 37% máis”, apuntaba Vázquez Abad.