O C.D.R. O Viso, Cruz Vermella Xinzo e o Centro de Información á Muller do Concello de Xinzo de Limia, únense para desenvolver a programación de actividades destinadas a conmemorar o 25 de novembro “Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres“.
Co fin de visibilizar e concienciar á poboación sobre o problema que supón a violencia contra as mulleres levaranse a cabo actividades participativas ao longo de toda a semana. Os días 21, 22 e 23 nos centros de Educación Primaria da comarca (Os Blancos, Sandiás, Sarreaus, Baltar, Vilar de Barrio,Rairiz de Veiga) e o día 24 nos centros de Educación Secundaria, onde se trataran conceptos de coeducación, igualdade e prevención da violencia.
Ademais, o día 25 na praza Maior de Xinzo, de 10 a 12 horas, colocarase unha mesa de información e sensibilización e terán lugar unha serie de actos onde pode participar toda a cidadanía. Ás 10.30 o alumnado dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, exporán a actividade que prepararon na aula. En ditas actividades tamén participarán as persoas usuarias do Centro de Día e a Asociación LIMISI. Ás 12h lerase un manifesto.
A programación pecharase o día 26 pola tarde cun partido de fútbol sala mixto no pavillón de deportes de Xinzo de Limia. As inscricións para participar no partido faranse no CIX da Limia de xeito individual ata o día 24 de novembro.