O campo de herba artificial de Outeiro -Bande- será o escenario do primeiro asalto, de dous, dos partidos que enfrontarán na Liga a Bande e a Unión Deportiva Ourense.
O partido terá lugar o domingo 20, ás 16:30 horas. Tanto os da Baixa Limia coma os da capital chegan lanzados a este duelo que corresponde á xornada número 13 na Primeira Galicia.
Os dous levan as mesmas vitorias (11) e as mesmas derrotas (unha), ningún empate; a diferencia de goles fai que o Bande sexa o líder: 34 goles a favor por 31 dos unionistas e seis en contra, por sete.
Velocidade de cruceiro para os dous máximos favoritos ao ascenso ao grupo sur da Rexional Preferente. Sacan ao terceiro clasificado, Maside, oito puntos, polo que todo apunta a que non terán complicado cumprir co obxectivo marcado por ambos os dous clubs do ascenso de categoría.
Sobre o papel o favorito é o Bande. Equipo no que recalaron o técnico Iván González xunto con nove xogadores maís do Verín da pasada campaña, na que militaba en Terceira división. Xogadores como Piollo, Viti, Marcones, ou o goleador David Soares, entre outros, fan do Bande un equipo moi competitivo.
Porén a Unión Deportiva Ourense non queda atrás. Antonio Dacosta, que suma a súa terceira tempada no banco, ten nas súas filas a xogadores como Lucas Sierra, Xurxo, Omar ou mesmo Rubén Durán, sendo un equipo, ao igual que o seu rival, con xogadores de categoría superior.
Expectación
O Bande – Unión Deportiva Ourense é, sen dúbida, o encontro que máis expectación xera esta campaña e, posiblemente, o que máis en anos na Primeira Galicia.
As espadas en todo o alto para dous equipos que teñen na mente o ascenso, pero sen renunciar ao título de Liga. Máis de tres puntos en xogo, pouco pode determinar o partido no clasificatorio, pero desde logo o que leve os tres puntos levarase, ademais, unha vitoria de prestixio.