Os galardóns da segunda edición dos Premios Mercurio da Federación de Comercio de Ourense serán entregados estes xoves 24 de novembro nunha gala no Liceo de Ourense a partir das 20:30 horas.
Os comerciantes ourensáns recoñecerán así o labor dos seus asociados, tratando de visibilizar e fortalecer a imaxe do comercio local. En total serán 21 os homenaxeados, con cinco premios concedidos pola Federación Galega de Comercio, oito asignados polas asociacións sectoriais e outros oito designados por un xurado da Federación.
Os Premios Mercurio contan co apoio da Dirección Xeral de Comercio, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense. Representantes destas dúas últimas administracións, o vicepresidente Rosendo Fernández e a concelleira de Comercio Belén Iglesias, acudiron ao acto no que a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, presentaba estes premios. Ambos políticos amosaron a súa disposición a colaboración cunha Federación que representa un comercio “competitivo, de calidade e próximo, fiable e de confianza”, en palabras de Fernández.
Para Gómez, o acto deste xoves é “o máis emotivo” da Federación de Comercio e con el ponse o “broche” ás actividades desenvolvidas ao longo do ano.