A pasada fin de semana o Club Natación Pabellón Ourense tivo dúas frontes abertas. Por unha banda en Pontevedra, a disputa do Campionato de Galicia de longa distancia, e pola outra en Ourense, a primeira xornada da liga promesas, benxamín e alevín.
Na cidade do Lérez, o equipo logrou mellores marcas por parte de todos os representantes. En categoría infantil Santiago Gutiérrez lograba o noveno posto cun tempo de 24:38, mentres que os júnior Jose Moure e Noel Quiroga terminaron cuarto e duodécimo respectivamente. Na categoría absoluta o único representante foi Ecequiel Quiroga que debido a unha escordadura de nocello, que arrastraba durante a semana, obrigoulle a retirarse en metade da proba.
Na liga de idades que se celebrou en Ourense, os benxamíns disputaron as probas de 50 libres, 100 libres e 50 braza onde estiveron en postos altos con varios nadadores, como foi o caso de Breogán Janeiro e Alba de la Fuente na braza, ou Álvaro Díaz e Maica Sánchez no crol.
En canto aos alevíns, boas marcas a nivel xeral que permiten alcanzar varias mínimas para o autonómico de verán, que se celebrará en casa, e pondo as bases para o obxectivo principal dalgúns deles que será a cita nacional.
Algúns dos máis destacados foron Alexandre Álvarez na braza, Alejandro Santiso en bolboreta e Aldara Estévez e Eva Feijoo, sen esquecerse dos que debutaron na categoría que cumpriron con fartura.