Microcharlas, conferencias e stands institucionais son as principais propostas do programa de Orienta Iuris, a Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal que celebrará a súa primeira edición o 25 de novembro na Facultade de Dereito do campus de Ourense.
O evento, coorganizado pola propia Facultade e o Concello de Ourense, nace como punto de encontro para entidades, estudantes, titulados e profesionais do ámbito xurídico. O obxectivo é facilitar a interrelación entre todos eles e fomentar así a empleabilidade e a realización de prácticas preprofesionais.
Na feira, única do seu ámbito territorial especializada en emprego xurídico, os asistentes poderán escoitar os testemuños de destacados profesionais, debater sobre as últimas novidades do sector e acceder á información que diversos despachos de avogados, institucións, empresas e ONG presentarán nas súas respectivas casetas.
As entidades participantes darán a coñecer os seus programas de formación e carreira, iniciarán os seus procesos de selección e desenvolverán sesións de networking na zona de expositores. Pola súa banda, os alumnos e titulados do ámbito xurídico poderán achegarse a estes espazos para coñecer a oferta existente, entregar os seus currículos e facer entrevistas de traballo.
A programación de Orienta Iuris desenvolverase ao longo da mañá e tarde do venres 25 de novembro e está aberta a estudantes, titulados e profesionais do ámbito xurídico de Galicia e Norte de Portugal.
Para asistir á feira cómpre inscribirse a través da páxina web www.feriaempleojuridico.webs.uvigo.es, onde figura toda a información sobre o encontro.