“A túa indiferenza mátame”, lema da campaña do Concello de Ourense para conmemorar o 25N.

271 mulleres solicitaron os servizos do CIM en 2015

“A túa indiferenza mátame. Dá a cara contra a violencia” é o lema da campaña institucional do Concello de Ourense para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero. Un eslogan que quere resaltar a importancia da implicación da sociedade para atallar esta problemática. “Todos tenemos que oir, que ver, todos somos partícipes; (las víctimas) están solas y que no lo estén depende de todos”, explicaba a concelleira de Benestar Social, Sofía Godoy, na presentación dos actos ao redor do 25N. Unha implicación na que insistía o alcalde: “é unha lacra contra a que todos debemos traballar, estar unidos, convencidos e comprometidos”, dicía Jesús Vázquez.

O apoio do Concello de Ourense ás vítimas explicítase no Centro de Información á Muller (CIM), centro que en 2015 at4endeu 271 mulleres. A maioría delas (204) con idades comprendidas entre 25 e 54 anos, e 228 con fillos ao cargo, pero sen existir un perfil concreto de vítima; hainas de todos os estratos sociais, estranxeiras, e chegadas doutros municipios en busca de anonimato. No CIM reciben asesoramento legal, medidas de apoio e asistencia psicolóxica, nun traballo que se fai coordinado con outros organismos como a Secretaría Xeral de Igualdade,  a Subdelegacióndo Goberno ou as forzas e corpos de seguridade.

Programa de actos

Os actos comezan este 24 de novembro co festival Voces Femininas no Teatro Principal. Actuarán Anaïs Mitchel e Sóley nun concerto homenaxe a Kate Bush.

O propio día 25, haberá un acto institucional no salón de plenos do Concello, e varias representacións da campaña a cargo de Trécola Teatro en diferentes puntos da cidade ao longo do día. Asemade, o IES As Lagoas estreará a curtametraxe“O partido” protagonizada polos seus propios estudantes.  A partir de xaneiro, esta curta será distribuída nos centros educativos da cidade con apoio de educadores sociais para traballar contra a violencia de xénero e os micromachismos entre os máis novos.

Os días 28 e 30 haberá un curso de autodefensa feminista no Espazo Lusquiños e o día 29 a proxección da película “Sonita”na Biblioteca Pública.

E finalmente ao longo do mes de decembro dsenvolverase un curso de Kraw Maga (defensa persoal) na Concellería de Igualdade.