A provincia de Ourense a través de murais educativos. Este é o proxecto que propuxo este ano o colexio Padre Feijoo-Zorelle dentro das actividades da “Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”, un evento que anualmente organiza a institución provincial e no que participan máis de 8.400 escolares e que ten como obxectivo achegar un mellor coñecemento da nosa provincia á comunidade educativa. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe este colexio da capital ourensá, centro de referencia nacional no ámbito das actividades do programa “Ciencia Activa”, para compartir e analizar sobre as experiencias docentes que desenvolve o colexio para a posta en valor das singularidades e potencialidades da provincia de Ourense.
En concreto, o colexio Padre Feijoo-Zorelle desenvolveu ao longo desta semana actividades como entrevistas, traballos manuais, música, programas de radio e blogs en Internet, diferentes formatos de comunicación para explicar a historia, a etnografía, a cultura e o medio ambiente da provincia de Ourense, que os alumnos levaron a cabo coa coordinación dos profesores.
Na súa visita, Manuel Baltar estivo acompañado polo director do centro, Honorato Losada Zorelle, percorrendo as aulas onde desenvolven as actividades e o salón de actos do centro onde o presidente do goberno provincial agradeceu “a implicación da dirección, do equipo docente e dos alumnos nunha tarefa que é de todos os que cremos na nosa terra, a nosa provincia de Ourense, que cada poñemos en valor”.
As actividades da “Semana Escolar da Provincia” rematarán o sábado, 26 de novembro, coa tradicional xornada de portas abertas no Pazo Provincial. Previamente, o vindeiro venres terá lugar a inauguración da exposición pictórica Voces da Ourensanía, do pintor Suso Cubeiro.