Un novo 25 de novembro a coordinadora ourensá da Marcha Mundial das Mulleres sairá á rúa para denunciar as violencias que sufren as mulleres «os 365 días do ano e durante toda a nosa vida».
Este ano dende a Marcha Mundial das Mulleres escolleron visibilizar os diferentes tipos de violencia que sufren as mulleres nas distintas etapas das súas vidas, «dende a socialización nos roles de xénero que nos encorsetan e sitúan xa na infancia como suxeitos de opresión, ata as violencias cotidianas, sistémicas, económicas e sociais que sufrimos a través das relacións afectivas, o emprego, a precarización da vida, o peso dos coidados só sobre os nosos lombos, o cuestionamento constante das nosas maternidades ou escollas afectivas ate a desexualización e invisibilización nas nosas etapas máis maduras».
Este 25 de novembro ás 19.00h realizarán unha acción de rúa/performance polo centro da cidade para visibilizar as diferentes violencias nas etapas das vidas das mulleres así como as complicidades que cómpre rachar para avanzarmos cara un mundo sen violencias. A accion comezará no Parque San Lázaro (xunto ao Carrabouxo) e rematará diante da igrexa de Santa Eufemia.
Campaña contra o machismo e por crear espazos libres de violencias contra as mulleres
Nesta semana repartirán tamén polos locais, comercios e establecementos da cidade un folleto con indicacións ante agresións machistas nos espazos públicos facendo un chamado ademais a que estes locais visibilicen a súa posición contra o machismo e compromiso con crear un espazo seguro no que calquera muller vítima de violencia poda acudir para recibir axuda. «É só un primeiro paso mas sabemos que a visbilidade ontribúe a camiñarmos máis seguras», explican no seu comunicado.