Ourense converterase este fin de semana na sede da cirurxía galega, coa organización, por parte do Servizo de Cirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, da “LX Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia”, sociedade médica decana na nosa comunidade, que celebra en Ourense seus 60 anos de traxectoria.
Nesta edición ourensá, abordaranse algúns dos procesos cirúrxicos con maior incidencia poboacional, como a colecistite aguda; gravidade, como o sarcoma retroperitoneal, así como novas técnicas e avances cirúrxicos, como a cirurxía de colon por porto único, ou a reconstrución inmediata de mama, tras un proceso oncolóxico.
Segundo subliñou a presidenta do comité organizador e especialista do Servizo de Cirurxía do C.H. Universitario de Ourense, Purificación Froján, na presentación da Reunión que tivo lugar no CHOU, as patoloxías de colon teñen unha gran incidencia en Ourense e no conxunto da comunidade e xeran na nosa provincia unha media de 250 intervencións ao ano, das que entre o 30 e o 40% realízanse vía laparoscópica.
Cirurxía innovadora en directo desde o CHUO
Os avances técnicos dos últimos anos neste campo, permiten abordar estes procedementos mediante técnicas máais conservadoras e minimamente invasivas, con menores tempos de recuperación e bos resultados prognósticos. Para afondar nunha destas alternativas terapeúticas, unha sesión de cirurxía de colon por porto único en directo, retransmitida desde os quirófanos do CHUO, abrirá o congreso, coa intervención do prestixioso responsable da Unidade de Innovación Cirúrxica do Hospital Virgen del Rocío de Sevilla, Salvador Morales.
O programa aborda as necesidades formativas de maior actualidade, coa presenza de relatores de recoñecido prestixio a nivel nacional, entre os que hai que destacar a participación de Vicente Artigas, do Hospital Santa Creu i Sant Pau de Barcelona, de referencia nacional e pertencente ao Grupo Europeo de Sarcoma, que abordará as Bases e Estratexias Cirúrxicas do Sarcoma Retroperitoneal, con grandes avances no seu tratamento cirúrxico, radioterápico e quimioterápico. Estes tumores son infrecuentes pero de gran agresividade, esixindo un traballo en equipo multidisciplinar, como se ven facendo en Ourense coa participación conxunta de Cirurxía, Uroloxía, Radioloxía Vascular e Oncoloxía. Deles, no CHUO diagnostícanse entre 10 e 11 casos novos anuais.
Outro gran bloque de traballo da reunión abordará un tema de plena actualidade como a Cirurxía do Cancro de Mama, analizando a evolución destes procedementos en Galicia, e tratando un tema de gran repercusión como a reconstrución inmediata de mama. O Servizo de Cirurxía do CHUO, formado por 24 facultativos, foi responsable tan só en 2015 da realización de mais de 1.300 operacións, 2.200 ingresos e unhas 14.000 consultas .