Por segunda vez consecutiva, o contrato para adxudicar a xestión da Praza de Abastos da Ponte volveu quedar deserto, cando van camiño de cumprirse dous anos desde a súa inauguración. O prazo de presentación de ofertas para optar á adxudicación rematou o venres 25 de novembro, sen que se presentara ningunha.
O expediente para licitar, mediante procedemento aberto, a contratación da concesión administrativa da xestión integral da Praza de Abastos nº2, no barrio da Ponte aprobárase o pasado 24 de outubro. Iniciábase así un segundo procedemento de contratación, logo de que xa quedase deserto en abril pasado.
Nunha comisión de seguimento, o grupo de goberno acordara cos grupos de PSOE e Ourense en Común novos criterios para volver licitar este proxecto. O modelo acordado naquela comisión foi o de xestión integral, que consistía en que esta sería adxudicada a unha empresa, SL ou UTE (que podía ser constituída por comerciantes ou asociacións), sendo a adxudicataria quen buscase os comerciantes que ocupasen os oito postos e a propia cafetería do recinto. O canon anual que fixaba o Concello á adxudicataria sería duns 45.400 euros anuais (no anterior prego era de 52.700 euros). Establecíase, do mesmo xeito, unha redución dos horarios de apertura, pasando das 16 horas contempladas anteriormente a un mínimo de 8 horas neste prego. Tamén se cambiaron os criterios de valoración, aumentando os puntos do modelo de xestión.
Valoración de Democracia Ourensana
A segunda ocasión consecutiva na que queda deserto o concurso da Praza da Ponte serviulle ao principal partido da oposición, Democracia Ourensana, para volver reivindicar a explotación individual dos postos “como se fai nun centro comercial ou nunhas galerías comerciais”. Deste xeito, “uns postos van traendo a outros”.
Como alternativa, DO propuxera ofrecer a Inorde e Xunta o mercado para exposición e venda de produtos autóctonos, unha idea avalada por empresarios consultados pola formación.
DO fora o único partido que votara en contro do acordo dunha xestión integral acordado por PP, PSOE e OUeC. “Estes tres volveron equivocarse porque tal e como anunciou DO, o mercado vai por outro lado”, valoran nun comunicado.