O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) recibiu no Liceo de Ourense o XXXV Premio de Novela Longa «Eduardo Blanco Amor», pola súa obra «Blues para Moraima». O certame, dotado con 12.000 euros e unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, está organizado pola Deputación de Ourense e “existe grazas á xenerosidade dos concellos galegos que o viñan organizando, labor que agora desenvolve a Deputación, pero que segue a ser o premio dos concellos de Galicia», expresou no seu discurso o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen felicitou a Miguel Anxo Fernández destacándoo como “un ourensán coñecido polo seu inxente labor no eido do cine galego, desde os comezos do cineclubismo no Carballiño, incansable comunicador e crítico recoñecido, doutor en Comunicación audiovisual pola Universidade de Vigo e docente da súa especialidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra”.
O xurado do premio elixiu por maioría a obra Blues para Moraima de entre 22 novelas presentadas ao premio, subliñando «a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector». Asemade, o xurado destacou «o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor», e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, «contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación».
Fundación “Blanco Amor”
No acto, que contou con representantes dos ámbitos institucional, social e cultural, Manuel Baltar remarcou que Ourense “forma parte substancial dos centos de páxinas xornalísticas e literarias que Eduardo Blanco Amor nos legou, e no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” custódianse algúns dos seus orixinais, o arquivo, a biblioteca, obxectos persoais, o valioso legado do escritor a disposición de investigadores”. Asemade, Baltar avanzou que neste mesmo centro cultural “estará a Fundación “Eduardo Blanco-Amor”, cuxos estatutos vimos de aprobar no pasado pleno da Deputación, o que nos permitirá dar maior relevo á figura e á obra de tan ilustre ourensán”.
Homenaxe a Blanco Amor
Por outra banda, na mesma xornada e con motivo do 37º cabodano do pasamento de Eduardo Blanco Amor, autoridades e persoeiros do mundo da cultura galega, renderon homenaxe ao escritor ourensán, nun acto de lembranza no cemiterio de San Francisco.
Esta tradicional ofrenda floral na campa onde está soterrado o autor de A Esmorga é un evento que se celebra desde o ano 2004. Nesta XIV xornada de homenaxe a Blanco Amor tamén participaron o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez, e alumnos do IES “Blanco Amor”, que celebra o seu 50º aniversario.
Biografía de Miguel Anxo Fernández
Miguel Anxo Fernández é mestre, licenciado en Xeografía e Historia. É profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Ademais de dedicarse á docencia é autor de numerosas obras de historia do cine galego e de obras de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións. É membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega; coordinador do programa Audiovisual nas Aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia, e membro do xurado do Premio Ourensanía.