O Salón da Xuventude celébrase en Expourense ata o vindeiro xoves 8 de decembro.

Diversión para a ponte en Megaxove

Expourense acolle ata o vindeiro xoves 8 de decembro a 17ª edición de Megaxove, que ofrecerá máis de 150 actividades de lecer e deportivas que converterán o recinto no punto de encontro da mocidade galega. Nunha superficie de 8.000 metros cadrados danse cita 26 expositores entre federacións e clubes deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia. Esta cita convértese así na mellor opción nestes días de festividade e nun evento dirixido a toda a familia onde gozar pero tamén aprender a ser solidarios.

Expositores e entidades colaboradoras coa feira elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade, o respecto ó Medio Ambiente e o fomento do voluntariado.

O Salón da Xuventude ofrece a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serve tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ao tempo libre, á cultura ou ao deporte. Nesta cita ten cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza poderá escoller libremente en qué quere investir o seu tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata a zona de videoxogos (“III Torneo FIFA” ou “Just dance”), ou dende deportes populares como o fútbol sala,  o karate, o o kickboxing ou o xadrez ata outros menos coñecidos como a halterofilia, a esgrima ou a loita grecorromana.

Novidades

Entre as novidades do programa de actividades de Megaxove 2016 destacan as organizadas pola Concellería de Xuventude de Ourense entre as que se atopan algunhas coma o Megascalextric, que contará co seu propio torneo interxeneracional, así coma os obradoiros circenses coma malabares ou monociclo.  Ademais organizará unha nova edición do campionato FIFA e pon a disposición dos visitantes simuladores de condución.

A maioría destas novidades están orientadas en atraer ao salón a público adolescente, a partir de 10 ou 12 anos, como é o caso das enmarcadas na área denominada “Pulpo Extreme” que ofrece obradoiros de Skate, Roller e BMX, prácticas moi extendidas na actualidade. Tamén existen alternativas coma a masterclass co DJ De Melo.

No ámbito deportivo cabe destacar a exhibición de Haidong Gumdo (espada coreana), que terá lugar o mércores e que estará impartido polo Maestro Lee, introdutor e fundador en España desta novidosa arte marcial coreana, e responsable da súa difusión no noso país.

Torneos

O deporte será coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove, que continuará promocionando disciplinas como poden ser o karate, o wu-shu, a loita libre e grecorromana, o kickboxing, ou a esgrima. Expourense é o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos que xa contan cunha longa traxectoria como, por exemplo o X Torneo de Halterofilia, que convoca a deportistas de toda Galicia e Castela e León.

Tamén se desputarán torneos de judo, fútbol, babybasket e xadrez, entre outros. Celebrarase unha nova edición da Copa Megaxove de Wu-shu nas categorías infantil e de adultos. Ademais das probas, tamén se fomentará a participación activa do público a través de xogos, adestramentos ou clases de iniciación que se poderán practicar no salón con monitores profesionais.

Participación aberta a todos

Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante estes días. Aquí poderán atoparse dende inchables, carruseis, ludochán e bebechán, ou xogos populares, ademais de obradoiros de multitude de traballos manuais organizados por entidades como Amencer. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa Zona de videoxogos.