Despois de catro días de intensa actividade, Megaxove pechou as portas da súa 17ª edición convertida no lugar elexido por máis de 9.000 visitas para gozar desta peculiar semana de decembro con festivos e lectivos. Xoves e familias de toda a comunidade e do norte de Portugal achegáronse durante estos catro días ata Expourense para participar activamente nas máis de 150 opcións deportivas, culturais e de lecer que ofrecían no Salón da Xuventude os 30 expositores.
A última xornada do Salón estivo marcada pola celebración de distintos campionatos deportivos que convocaron no recinto feiral a máis de 1.000 deportistas que acudiron, na meirande parte dos casos, acompañados polas súas familias. Celebráronse hoxe os torneos de xadrez, fútbol sala, kickboxing, judo, halterofilia e minibasket. En todos eles participaron xoves de diferentes idades procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal.
O salón da Xuventude ofreceu a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serviu tamén de andén de promoción e descubrimento de outras actividades vencelladas ao tempo libre, á cultura e ás disciplinas deportivas minoritarias. Nesta cita tivo cabida todo aquelo que animara á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza puido escoller libremente en qué quería invertir o seu tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata a zona de videoxogos, ou dende deportes populares coma o fútbol sala ou xadrez ata outros menos coñecidos como a esgrima antiga ou a loita.
Unha das novidades desta edición foi a área denominada “Pulpo Extreme” coordinada pola Concellería de Xuventude de Ourense que chamou a atención dos adolescentes que se animaron a practicar roller, BMX e skate. Só durante esta última tarde participaron máis de 200 rapaces e rapazas nos obradoiros programados sobre estas actividades. A Concellería de Xuventude de Ourense organizou tamén un torneo FIFA e outro de Megascalextric cuxos premios tamén foron entregados nesta última tarde de Megaxove.
Entre as asociacións participantes destacou un ano máis a Fundación Cipri Gomes, que convocou a centos de nenos e adultos das 20 escolas deportivas coas que conta nas catro provincias galegas e tamén de Portugal. Esta Fundación organizou no salón actividades vencelladas co Kickboxing e o karate pero tamén foi o encargado da aula informática e os seus monitores impartiron clases de dj, radio e minichef. Esta Fundación organizou ademais unha das principais novidades desta edición que foi o obradoiro sobre a prevención do acoso escolar.
Este salón converteuse un ano maís no mellor escaparate para darlle visibilidade ao traballo que realizan distintas asociación de voluntarios e ONG’s como foi o caso de Médicos do Mundo e tamén de Amencer, ou entidades como o Banco de Alimentos de Ourense, aproveitaron esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios na “Operación Quilo MEGAXOVE” e destinalos ás familias que máis o precisan nestes momentos. Pola súa parte, entidades como a Cruz Vermella impartiron obradoiros de primeiros auxilios e de reciclaxe.