Esta semana arranca oficialmente a programación cultural de inverno do Concello de Barbadás. Para o seu inicio a Concellaría de Cultura decidiu apostar polo talento do cantautor ourensán Emilio Rúa, que conta con gran recoñecemento pola sua traxectoria profesional e que actuará este venres 16 na Casa de Cultura Manuel María.
Esta actuación insírese en palabras da concelleira de Cultura Ánxela González Cid, “nun ambicioso programa que manterá actividades todos os días durante as próximas semanas e que está pensado para dar cabida e satisfacción a todos os públicos”. Dentro da programación teñen unha presenza senlleira actuacións dirixidas aos nenos e ás nenas, “que terán algunha actuación cada día mentres duren as súas vacacións escolares” segundo concelleira.
Os nenos e nenas de Barbadás recibirán a visita dos Bolechas, o domingo día 18 de decembro, “cos que os nenos e nenas poderán disfrutar da súa actuación e de diferentes obradoiros no patio do CEIP Filomena Dato durante máis de catro horas” apunta Ánxela González.
A estas actuacións hai que engadir a de Mamá Cabra o día 22, na Casa de Cultura Manuel María, e sobre todo o día 23 de decembro a visita estrela destas datas “xa que ese día o Apalpador abandona o Courel para honrar aos e ás pícaras de Barbadás coa súa presenza, e por expreso desexo seu visitará todas e cada unha das aldeas do noso Concello. Ao rematar tamén quere acompañarnos na entrega de premios do concurso de Postais de Inverno, que terá lugar na Casa da Cultura” engadiu a edil nacionalista.
Finalmente resaltar que este ano ademais a Concellaría de Cultura organiza, por primeira vez, un concerto de Aninovo que terá lugar na Igrexa de Barbadás nos primeiros días de xaneiro e que correrá a cargo da Escola Municipal de Música de Barbadás. A este respecto a concelleira apuntou o desexo de “destacar e agradecer o traballo e habelencia do profesorado e alumnado da Escola de Música e tamén das diferentes agrupacións corais existentes no noso Concello como Auria Canta, Voces e Cordas ou San Mauro, que tamén van ocupar un oco nesta programación de inverno”, que contribúen a facer historia dentro da tradición musical que distingue a Barbadás.