O Concello de Ourense convida a veciños e veciñas amantes do deporte a despedir o ano 2016 e iniciar 2017 participando nalgunha das tres actividades que enlazarán fin de ano e Aninovo na cidade: San Silvestre Ourensá, Canicross e Subida á Costiña de Canedo.
San Silvestre
A primeira San Silvestre Ourensá percorrerá as marxes do río Barbaña o sábado, 31 de decembro, pola tarde, para nenos e adultos.
O prezo son 5 euros, para a categoría absoluta e o prazo estará aberto ata o martes, 27, ás 20:30 horas. De xeito voluntario, cada participante terá a posibilidade de realizar unha doazón “Dorsal Cero” de 2 euros, que irá destinada a Cruz Vermella Ourense. Para inscribirse, na web www.carreirasgalegas.com.
A proba está organizada polo Club Deportivo Aurum, coa colaboración do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense e coa autorización da Federación Galega de Atletismo. Esta proba está incluída no calendario oficial de competicións da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e Cronometradores da Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo.
A recollida de dorsais e chips terá lugar en Turini (na rúa Cardenal Quevedo) o día 30 de decembro de 16:30 h. a 20:30 h.
As carreiras comezarán ás 16:30h, na categoría de pitufos, cunha distancia de 80 metros), seguirán con benxamín e alevín, ás 16:35, 1,4 km, Infantil e cadetes, con saída ás 16:45 para percorrer 2,35 km, e rematarán ás 17:00 horas, coa categoría absoluta (xuvenil, junior, promesa, senior, veteranos, con con saída ás 17:00h e unha distancia de 7,05 km).
Canicross de Oira
O mesmo día, desde primeira hora da mañá, a asociación de propietarios de mascotas ourensá organiza o I Canicross, que transcorrerá polos camiños paralelos da ribeira do río Miño con saída e chegada na explanada de Oira, xunto ao merendeiro. As inscricións realizaranse alí mesmo.
O control veterinario e entrega de dorsais será ás 09:00 h, cunha reunión Informativa ás 09:45 e saída ás 10:30h. Para participar será necesario presentar no Control Veterinario a Cartilla de Vacinación do can (ou Pasaporte), actualizado, firmado e selado por un veterinario colexiado, e o certificado de implantación do microchip obrigatorio, e a documentación oficial do can. Realizaranse revisións clínicas aos animais á chegada para contrarrestar os posibles trastornos durante a carreira.
Subida á Costiña de Canedo
O calendario deportivo de 2017 na cidade arrancará un ano máis, e xa van 24 edicións, ás 12:00 do día 1 de xaneiro, coa Subida á Costiña de Canedo, que organizan Saturnino González Novoa e o Club Atletas Veteranos Ourense. A proba tamén pertence ao calendario da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA (Delegación de Ourense).
A distancia é orientativa e non homologada, cun percorrido aproximado de 4.200 metros, na que cada participante poderá inscribirse nunha das tres modalidades: a pé, con cans ou con bicicleta.
O percorrido sae da Praza de Eirasvedras e segue por Quintela, rúa Canedo, Santoufe, rúa Pazo de Eiroás, rúa Costiña de Canedo, estrada castro a Palmés OU-0521, ata chegar á meta, no “lugar da igrexa”, entre a capela e o cemiterio.
A inscrición custa 5 euros (agás menores de 14 anos, para os que será gratuíta), e pódese realizar por internet na dirección: www.carreirasgalegas.com ata o día 27 de decembro, ou presencialmente, antes dio día 23, nos comercios Redonet, Garpe Sport e D y Campo y Ocio.
A retirada de dorsais será o día 30 na cafetería do Pavillón dos Remedios, de 10h a 20h ou o día da proba na Praza de Eirasvedras, de 9 a 11.30 h.