O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense estrea unha nova exposición de Pop Art, a cal enche todas as instalacións do centro desde o 22 de decembro ata o 19 de febreiro, con visitas guiadas diarias ás 18.30 horas. Na presentación da mostra participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a presidenta da Fundación Cum Laude, Ángeles Rodríguez Baliño; o directivo de MBA, Iñaki López Aranguren; e o director do Centro Cultural, Francisco González.
O presidente da Deputación de Ourense agradeceu a MBA e á Fundación Cum Laude “por traer de novo a Ourense unha exposición de Pop Art, que na súa primeira edición fai tres anos conseguiu ser un dos eventos de máis éxito de público do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, con preto de 15.000 visitantes, e engadiu, “o Centro Cultural vai a ser de novo unha especie de mini MOMA, pero en Ourense”.
Nese mesmo senso, Baltar lembrou que no ano 2013, “Ourense converteuse nun centro de peregrinación artística de Galicia e tamén do norte de Portugal e de outras partes de España, para ver in situ estas auténticas mostras de arte, de pop contemporáneo, que elevaron a categoría de arte, imaxes populares que saían nos medios de comunicación”.
“A mostra exhibe un amplo abano de estilos, desde obra de Antonio de Felipe, de actualidade nestes momentos, ata obras de Pietro Psaier, sobre quen existe sempre a dúbida de se existiu ou non”, asegurou Manuel Baltar, quen dixo que si “esta mostra fose permanente sería un dos centros culturais máis visitados de España”.
Ángeles Rodríguez explicou que nesta segunda edición “non repetimos as obras da edición anterior e cambiamos totalmente o espírito da exposición. Trátase dunha mostra principalmente didáctica baseada, sobre todo, nos retratos. A partir do retrato de Mao, obra de Andy Warhol, disparouse o valor de retratista deste artista e toda a intelectualidade e aristocracia do mundo quería ter un retrato de Warhol”.
“A mostra ocupa todas as dependencias do Centro Cultural e está organizada por seccións. Na Sala 1 baixo o nome “Icons” porque están todos os iconos tanto os artistas retratados como os autores das obras. E, un recuncho da sala, está dedicado a Marilyn Monroe. A sala interior recrea unha instalación que Andy Warhol fixo en 1966 na galería Leo Castelli de Nova Iork xunto con Billy Kluver, na que fixeron unha “Silver Room” e que está recreada no Centro Cultural para renderlles homenaxe. A Sala 2 está dedicada a Hollywood, ao diñeiro e aos debuxos animados, e un recuncho dedicado a Frida Kahlo”, explicou a presidenta da Fundación Cum Laude.
Pola súa parte, Iñaki López dixo que é “un pracer estar aquí de novo porque o éxito da primeira edición foi rotundo. Tivemos a experiencia previa dalgunha exposición a nivel nacional pero o éxito que se alcanzou en Ourense non tivo parangón”.
“Pop Art Icons” é unha mostra na que están representados boa parte dos referentes deste movemento artístico que marcou a segunda metade do século XX, facendo popular a arte e achegándoa a gran parte da sociedade. Andy Warhol, Keith Haring, Robert Rauschemberg, Mel Ramos, Roy Liechtenstein, Steve Kaufman, Robert Indiana e Pietro Psair, son os autores das obras desta mostra e que ofrecen as claves deste movemento artístico que radiografía o carácter de toda unha época.
Serigrafías, carteis offset, gravados e orixinais, de diversas técnicas e autoras, conforman o universo da colección de MBA Graphics Arts, exposta nas dependencias do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. Obras que están acompañadas de reflexións e frases dos personaxes retratados, de recortables de Marilyn Monroe que se lle entregarán aos visitantes e, así mesmo, realizaranse actividades paralelas como obradoiros para nenos e adultos para introducilos a arte, conferencias, entre outras sorpresas que terán lugar na inauguración da mostra desta tarde, ás 20.00 horas.
A exposición xira entorno aos iconos que foron referentes naquela época. Figuras como Marilyn Monroe, James Dean, Elvis Presley, Mao, Jimmy Carter mesturados con referentes musicais como Celine Dion ou David Bowie, así como co mundo do diñeiro e dos debuxos animados, demostrando ese carácter popular que marca a obra destes creadores. É precisamente o carácter popular do movemento artístico Pop Art o que o fai atractivo entre os cidadáns. Os artistas trataban temas de actualidade, reflectían a personaxes habituais dos medios de comunicación e a política, a través de técnicas que permitían a reprodución das súas obras.
Este movemento artístico vencella a arte coa produción en serie, a popularidade coa vangarda, e desenvolve un novo concepto artístico ao relacionarse intimamente coa sociedade de consumo.
En canto ás visitas, Francisco González lembrou que ademais da visita guiada das 18.30, os colexios e demais grupos poderán concertalas a outra hora a través do correo electrónico: centrocultural@depourense.es, e adiantou que xa son “varios os centros educativos de Ourense e de fóra que solicitaron esta visita”.