A Área de Igualdade do Concello de Allariz comeza o novo ano retomando as actividades que se veñen desenvolvendo, dende hai anos, nas asociacións veciñais.
A dinamización do rural dende a perspectiva de xénero é un dos principais obxectivos que o Concello de Allariz persegue a través da realización de diversas actividades organizadas polo departamento de Benestar Social.
Así, téñense realizado actividades relacionadas coa estimulación cognitiva, o autocoidado, a igualdade ou o empoderamento. Nesta liña, continúase durante as seguintes semanas nas Asociacións veciñais de O Mato e Outeiro de Orraca co proxecto «Mulleres compartindo». Concretamente serán os luns e os martes nos locais das asociacións citadas de 16 a 18 horas.
Na maioría participan mulleres, aínda que tamén algún home, nas actividades organizadas coa finalidade, segundo explica a técnica do programa, Ana Cardoso, “de cuestionar as identidades, de xeito que vivamos máis felices e consigamos dotar de autonomía e liderado aos homes e mulleres que habitan o rural”.