O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou sobre a creación da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, que será a sede do Grao de Enxeñería Aeroespacial que desde este curso se imparte no campus de Ourense, da Universidade de Vigo.
Logo de lembrar que na actualidade hai 50 alumnos cursando este Grao en Galicia -cubríndose todas as prazas que se ofertaban-, Feijóo precisou que na creación deste grao colaboraron 6 departamentos da área científica da Universidade de Vigo, 14 da área tecnolóxica e 5 centros docentes.
No que atinxe ao novo centro, o titular da Xunta fixo fincapé en que permitirá contar cun espazo propio e equipado adecuadamente onde impartir unha titulación que só se dá en 10 universidades en toda España.
Así mesmo, recordou que a Universidade de Vigo trasladou á Xunta que durante este curso e o vindeiro a titulación impartirase nas instalacións actuais da Facultade de Ciencias, no Campus de Ourense.
O sector aeronáutico en Galicia
O titular do Goberno galego destacou o potencial do sector aeronáutico, no que a Comunidade está a traballar en tres eixes fundamentais: no vértice tecnolóxico e industrial, na localidade lucense de Rozas; no vértice da innovación e o intercambio de tecnoloxía, cun centro en Nigrán, o Edificio Tecnolóxico Aeroespacial; e no vértice da formación e a captación de talento, no campus de Ourense.
Neste senso, Feijóo apostou por aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira e a industria do sector.