Co obxectivo da permanencia no peto, Gonzalo García de Vitoria é ambicioso. Este venres reciben a Retabet -21 h Paco Paz-.

O Club Ourense Baloncesto busca continuar coa boa racha na segunda volta

Costoulle ao míster do Club Ourense Baloncesto mirar máis aló do seguinte partido. Aínda que lle queda moi lonxe o final de tempada, tras 12 vitorias xa non se pode pensar na salvación, xa que tena o equipo no peto.

Por iso, Gonzalo García de Vitoria móstrase ambicioso. “A pesar de que non penso máis aló do seguinte partido, queremos facer unha segunda volta como a primeira”, confesaba o técnico. Nos 17 primeiros encontros o COB sumou un total de 10 vitorias e este rexistro quéreo, como mínimo, igualar.
De momento as cousas están saíndo algo mellor; se nos tres primeiros partidos de liga os ourensáns sumaban unha vitoria, nos tres primeiros desta segunda volta suman dúas. Como o propio García de Vitoria aseguraba na rolda de prensa previa ao partido ante Retabet “isto nos pode levar a xogar o playoff de ascenso”. E continuaba, “sabemos que é un reto moi ambicioso, pero se o mantemos estaremos en playoffs, e se non, moi preto”, aseguraba. Sobre ese obxectivio de xogar a fase de ascenso o técnico afirmaba que está “caro xogar, pero tentarémolo”, remataba.

Retabet
Caro está cando toca un mes de xaneiro con rivais de categoría como o deste venres, no que os ourensáns se miden co Retabet Gipuzkoa de Porfirio Fisac. Equipo que xogou a pasada campaña na ACB e que descendeu deportivamente para sanear ao club dunhas débedas que o levaban a desaparición.

Agora conta cunha plantilla non moi ampla pero que está a realizar unha gran campaña. Considerado un dos mellores equipos despois dos catro grandes deste ano (Breogán, Melilla, Coruña e Palencia), o conxunto vasco está a unha vitoria do líder, Oviedo.
Os de Fisac soamente cederon nun partido no polideportivo Gasca -precisamente contra o COB-, polo que o técnico ourensán está convencido que “virán con aires de vinganza”. Ademais, conta nas súas filas con xogadores importante da LEB Ouro, como poden ser Ricardo Uriz e Sergi Pino; e cun “dos grandes adestradores desta Liga, Porfi Fisac” afirmaba García de Vitoria, quen os definía coma un equipo con “fortaleza no seu campo e gran capacidade defensiva. É un equipo que pecha moi ben o seu aro”, polo que “teremos que xogar ou moi rápido ou cunha lectura de pase moi clara e moi rápida”.

Sorteo
Durante o transcurso do encontro OCA Vila de Allariz Hotel & Spa sorteará entre os abonados do Ourense Provincia Termal unha estancia dunha noite en réxime de aloxamento e almorzo no seu hotel para dúas persoas.

O sorteo levará a cabo entre todos os abonados do Club Ourense Baloncesto esta tempada, ao final do primeiro cuarto e en directo, sacando o nome do gañador dunha urna pechada que conterá todos e cada un dos nomes dos abonados.

Tralo sorteo o premio será entregado pola directora do hotel OCA Vila de Allariz, Goretti Iglesias, e a xefa de recepción, Vanesa da Costa.