O escritor Carlos Casares terá un roteiro na cidade de Ourense para contribuír ao coñecemento e ao diálogo co autor e a súa obra. Estará composto por 20 placas de cerámica que fan un percorrido pola vida e a obra do escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
O roteiro presenta “Ourense coma o grande marco de referencia das obras de Casares, pero serve tamén como merecida homenaxe de todos os veciños para elevalo ao universo literario de Lamas Carvajal, Otero Pedrayo, Risco, Blanco Amor, Valente…”, dicía o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación do mesmo. Non en van, Casares “é fillo predilecto desde o ano 2003”, lembraba o rexedor.
Cada unha das placas -18 no núcleo urbano e outras en Beiro e no Seminario, facendo alusión a etapas da súa vida- está ineludiblemente vencellada aos fitos culturais da cidade e aos seus persoeiros: aparecen Risco, a xeración dos «artistiñas», Blanco Amor ou as tertulias do Liceo “un lugar que consideraba a súa segunda casa”, en palabras de Alfonso V. Monxardín, autor do roteiro.
Trátase da “primeira de moitas actividades pública que presentamos do ano Casares”, explicaba Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, quen salientou que estivese dirixido ao ámbito educativo e do profesorado. Así, o primeiro percorrido deste roteiro será o vindeiro 18 de febreiro coa presenza dun cento de profesores.
Porén, o roteiro servirá para potenciar o destino Ourense como cidade literaria en conexión con outras realidades (termal, patrimonial, gastronómica…), un reclamo turístico máis nunha cidade que xa conta con outro roteiro literario, o de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. Así, xunto coas 20 placas editaranse tamén un total de 2.500 folletos explicativos da vida e da obra de Carlos Casares, que se engadirán á oferta educativa e turística da cidade de Ourense.