O concello de Barbadás pretende definir a sua inclusión no proxecto do transporte metropolitano atendendo as necesidades e aspiracións dos seus veciños. Para elo, as concellarías de Mobilidade e Participación Veciñal, que dirixen os nacionalistas Xosé Manuel Fírvida e Serafín Núñez, respectivamente, establecerá unha consulta con toda a veciñanza municipal a través de reunións coas asociacións e facendo asembleas abertas en todas as parroquias co obxectivo de coñecer as reflexións e análise sobre o transporte público no futuro próximo, xunto coas necesidades de cada enclave en torno a horarios percorridos e frecuencias.
Segundo os concelleiros responsables, a iniciativa está vencellada coa ralización do novo proxecto para por en marcha o transporte metropolitano na área de Ourense, que está levando a cabo a Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellaría de Infraestructuras e Vivenda. Neste senso, apuntan os edís do BNG que “o pasado luns o concello, representado por Xosé Manuel Fírvida, participou nunha reunión coa conselleira e o martes co grupo de traballo, onde nos informaron disto e pediron que cubrísemos unha enquisa en cada concello”.
Con tal motivo, Fírvida e Núñez e os seus respectivos departamentos entenden que a mellor fórmula para coñecer polo miúdo as necesidades da veciñanza é “a través de reunións coas asociacións veciñais e facendo asembleas veciñais en todas as parroquias nos próximos días (días 28 e 30 de xañeiro, que se corresponden co sábado e o luns próximos), para dar participación aos afectados, que é toda a poboación municipal, e coñecer así de primeira man as necesidades en materia de transporte público, así como os horarios, percorridos e frecuencias mais acaídos para a maioría”.
As asembleas convocaranse en cada unha das parroquias e tamén ás asociacións veciñais, pois tendo en conta que as concesionarias deixarán de prestar servizos o 1 de agosto, a Consellaría está a realizar unha consulta a todos os concellos da provincia para coñecer os servizos actuais e as necesidades. Esta situación “abre a posibilidade de mellorar o servizo de transporte público en Barbadás, fomentando o seu uso e facilitando os desprazamentos ás parroquias do concello”, polo que “a decisión que adopte finalmente o concello reflicta as ideas, necesidades e suxestións das persoas que viven nel, na medida das posibilidades e tendo sempre en conta o ben común”, segundo afirman ámbolos dous concelleiros.