A Veronza volveu a ser a sede do Campionato de Galicia de cros longo.
O pasado 29 de decembro, a área recreativa ribadaviense volveu a acoller, por segundo ano consecutivo, o galego nas categorías sénior, promesa e júnior, ademais de por equipos.
Na proba absoluta Lolo Penas foi o vencedor de entre todos os participantes.
Penas aventaxou en dous segundos ao portugués Nuno Costa (quen non computaba para o rexional). Hurtado, terceiro en liña de meta, foi o segundo galego e David Santos, terceiro. A carreira estivo comandada por un grupo de sete atletas, que pouco a pouco foi perdendo unidades ata quedar soamente dous ao fronte; nos últimos metros, Penas ganoulle a partida a Gomes para chegar primeiro á liña de meta.
En promesas, Esteban Iglesias foi o primeiro seguido de Vicente Suárez e Enrique Martínez, segundo e terceiro, respectivamente.
En júnior, o campión galego foi Miguel González, mentres que Tariku Novales rematou segundo e Fernando Rial, terceiro.
Mulleres
Na carreira absoluta de mulleres, Esther Navarrete non deu opcións desde o principio. O seu forte ritmo non o deu seguido ningunha das súas rivais e xa desde os primeiro metros daba sensación que non se lle ía a escapar o título.
Sandra Mosquera proclamouse subcampiona galega e Leticia Fernández firmou a terceira posición. As tres compañeiras no ADAS de O Barco.
Na mesma carreira, en categoría promesa, Ángela González foi a primeira, Eva Cid, a segunda e Celia Perez, a terceira.
Entre as júnior, Inés Castaño alzabase coa vitoria, seguida de Elba Velez e de Iria Causin.
Equipos
O título de mellor equipo sénior masculino foi para a Sociedad Gimnástica Pontevedra (empatado a puntos co ADAS O Barco); o CA Santiago foi o campión promesa e novamente o S.G. Pontevedra gañou en júniors.
O ADAS foi o dominador absoluto en categoría sénior feminina (os tres primeiros postos inidividuais foron para tres atletas do club valdeorrés). En júnior, o Atletismo Noia foi o campión.
Aurora Salgado
A ourensá Aurora Salgado foi a primeira muller en gañar o Campionato de Galicia de cross, aló polo 1968. Conmemorando os 50 anos de devandita data, a Real Federación Galega de Atletismo rendiulle unha merecida homenaxe.
Antes da saída absoluta feminina, Salgado foi agasallada cunha placa ademais doutros recordos, como o cartel do campionato deste ano no que aparece unha foto súa logrando esa primeira vitoria no autonómico.
Aurora Salgado deu o pistoletazo de saída na carreira absoluta feminina. A súa irmá, Josefina Salgado fora a primeira gran atleta ourensán, sendo a primeira muller española en competir a nivel internacional.