A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria deste ano para o Plan Renove de Fiestras, unha iniciativa enmarcada dentro do compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria de impulsar a eficiencia enerxética coa mellora da envolvente térmica nos fogares galegos, favorecendo así o confort e a calidade de vida dos cidadáns.
Cun orzamento de 1,5 millóns de euros, esta convocatoria de axudas, coa que se prevé chegar a 1.700 familias, suporá un impulso económico para as entidades colaboradoras que se adhiran ao programa, posto que a previsión é que se mobilicen ao redor de 6 millóns.
Estas axudas diríxense a persoas propietarias dunha vivenda e a comunidades ou mancomunidades de veciños que residan en Galicia. A principal novidade desta edición é que todas as solicitudes se realizarán por vía telemática a través dos rexistros da Xunta, o que facilita tanto a súa presentación como a tramitación dos expedientes.
O prazo para presentar as solicitudes para esta orde de axudas estará aberto do 1 de marzo ao 29 de setembro. A convocatoria será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se outorgarán por orde de presentación ata esgotar o crédito a todo solicitante que cumpra os requisitos. Pola súa parte, o período que terán as entidades que se mostren interesadas en colaborar no Plan Renove de Fiestras será de 5 días hábiles a partir do mércores 1 de febreiro.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén as contías das axudas que estaban fixadas na anterior convocatoria deste programa de renovación de fiestras. Así, cunha subvención máxima do 25% do custo total da obra, a axuda será de ata 100 euros por metro cadrado de oco, cun límite de 3.000 euros por vivenda unifamiliar ou piso; mentres que, no caso de comunidades de propietarios, serán tamén 3.000 euros por vivenda pero ata un máximo de 50.000 euros por edificio. A data límite para finalizar as obras será o 30 de setembro.
Plan de Vivenda 2017
Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan de Vivenda 2017, que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria e que ten como obxectivo impulsar o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos. Deste xeito, as familias poden aforrar custos na factura enerxética, ademais de mellorar a súa calidade de vida, potenciar o uso de enerxías renovables autóctonas e diminuír as emisións de CO2. O Plan Renove de Fiestras é a primeira das medidas incluídas no programa de aforro e eficiencia enerxética nos fogares que se convoca neste ano 2017.
Este paquete de medidas para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nas vivendas cumpre a súa terceira edición en Galicia, e a previsión é que para 2017 conte cun orzamento total de 8,7 millóns de euros, un 10% máis que en 2016. En concreto, consta de dous campos de actuación: a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes (ademais do Plan Renove de Fiestras, inclúense neste apartado o acondicionamento de cubertas con tella ou lousa, a rehabilitación de fachadas con granito e a renovación de ascensores) e o emprego de fontes de enerxía renovables a través do impulso da xeotermia, a solar térmica e aerotermia, e a biomasa.