«Queremos un PERI, gústanos a redacción actual, pero sentímonos enganados, pois todos pensabamos que, ata o soterramento completo de todas as infraestruturas, permitiríanse unha situación provisional que nos permita acceder ás novas tecnoloxías. Os feitos recentes indícannos que trala entrada en vigor desta normativa, a fibra óptica en Seixalbo será unha quimera» manifestou a presidenta María Nóvoa.
Antes da aprobación definitiva do PERI, prevista para este venres, xa paralizaron a colocación da fibra óptica, que quedou ás portas do propio núcleo, aplicando a mesma normativa que permitiu o cableado aéreo e polas fachadas actual, obrigando a soterrar o cable cando, todo o mundo sabe, que a ningunha distribuidora lle vai a interesar.
As casas do exterior do perímetro xa dispoñen, a data de hoxe, de fibra óptica con capacidade de 300 Mb, mentres que o núcleo histórico dispón entre 0,5 Mb e 1,0 Mb en función da hora do día. Si coa normativa actual, o PXOM caído e o PERI en fase de aprobación inicial, é posible paralizar o despregamento da fibra óptica, co PERI que se pretende aprobar, Seixalbo quedará condenado de por vida a quedar á marxe das novas tecnoloxías da comunicación, e «non queremos que Seixalbo se converta na aldea gala de Asterix» en palabras escoitadas na multitudinaria asemblea celebrada este martes pasado
Ata a resolución desta situación, piden ao concello que suspenda cautelarmente a aprobación definitiva do PERI de Seixalbo, e a empresa distribuidora que presente recurso contra a paralización, ao tempo que estudan a posibilidade xurídica de personarnos nos mesmos.
Ademais pedirán ao concello que elabore un Plan Integral de Soterramento, coa garantía de que os custos sexan repercutidos ás empresas subministradoras mediante os correspondentes convenios ou, subsidiariamente, polo propio concello.