O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, remitiu unha carta de agradecemento a todas as administración ás que pedira a súa implicación para garantir a seguridade do Entroido.
Segundo as primeiras estimacións de Protección Civil, en datas coma o Xoves de Comadres, só na praza García Barbón concentráronse máis de 10.500 persoas, na data de carnaval “máis masiva e ordeada” que se lembra en Verín (o ano pasado non chegaban ás 10.000).
A misiva de agradecemento foille remitida ó presidente da Xunta, o delegado e subdelegado do Goberno en Galicia e Ourense, e ós responsables policiais e xudiciais da vila. Nela, o alcalde agradece a enorme implicación e coordinación de todos os dispositivos, e a eficacia con que actuaron “ao rachar coa progresión xeométrica ascendente” que rexistraba o Entroido en incidentes.
Así, á falta de avaliar todos os datos, e segundo as primeiras estimacións de Protección Civil para o xoves de Comadres, as asistencias por emerxencias sanitarias (a maioría por consumo de alcohol) descenderon de 33 a 26, con só 5 traslados por intoxicación grave.
O alcalde quixo felicitar expresamente a estes corpos de Protección Civil de Verín, así como á Policía Local e funcionarios de Verín, que cos seus esforzos de coordinación foron quen de ordenar a participación masiva que se rexistrou na vila, con 10.500 persoas na praza en Comadres, ou 7.000 o sábado de carnaval.
Pola súa banda, os hostaleiros de Verín, a falla dunha cuantificación dos datos, tamén trasladaron ó Concello á súa satisfacción pola afluencia de público e o consumo rexistrado, con cheos totais e reservas de comedor completas durante todos os días do ciclo.
CARTA DE AGRADECEMENTO
O pasado 8 de febreiro este alcalde remitiulle unha carta na que lle expuña a polémica e potenciais riscos derivados da aglomeración que se agardaba para o entorno festivo da celebración do Entroido na vila de Verín. A evolución negativa das estatísticas relativas a vandalismo e pelexas, entre outras, así o facían aconsellable.
Pois ben, no día de hoxe, unha vez rematados estes eventos, e ante a eficaz resposta e contundente implicación de todos os dispositivos dependentes de vostede, quero agradecerlle persoalmente e tamén como alcalde, en nome de tódolos veciños de Verín, a súa implicación e contribución ó éxito deste Entroido.
A pormenorizada coordinación e o magnífico labor desenvolto polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no seu conxunto, están detrás da normalidade con que transcurriu o Entroido máis multitudinario e ordenado que se lembra nesta vila.
A implicación dos organismos que dependen de vostede e a súa minuciosa distribución conforme o Plan de Seguridade garantiron, cun resultado excepcional, que se invertirá a tendencia constatada nos últimos anos, segundo a cal os incidentes aumentaban en progresión xeométrica.
Este Entroido quedará na nosa memoria como un exemplo da eficacia que se pode lograr para o ben común cando as administracións desenvolven unha acción coordinada e profesional, acción que, tal e como lle expuñamos na nosa misiva anterior, é a función á que nos debemos por respecto ó Entroido e ós nosos veciños.
Sen outro particular, e reiterándolle o noso agradecemento.
Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín.